O Pontevedra ensaia o modo de frear o fútbol directo do Barbadás
Por Ramiro Espiño
Primeira sesión preparatoria da semana para o Pontevedra, despois da xornada de descanso do martes e a habitual xornada de recuperación dos luns. Como xa informaramos, Milo buscaba campos de herba artificial para adecuar os seus xogadores ás condicións que se van encontrar en Barbadás e levou o equipo ata o recén renovado campo de Monte Carrasco, en Marcón, onde efectuaron un adestramento intenso, por espazo dunhas dúas horas.
Despois do traballo físico, a maioría do ensaio foi destinado a traballar aspectos tácticos, con especial atención ao modo de contrarrestar o xogo directo que adoita practicar o próximo rival, o Barbadás. As informacións sobre o conxunto ourensán indican que adoita saír, nos primeiros minutos de cada período, premendo moi intensamente ao contrario na saída de balón e utilizando os desprazamentos longos cara á zaga rival para sacar froito desa presión nas segundas xogadas.
Milo insistiu tamén especialmente na necesidade de non cometer erros na saída do balón, aínda que iso non signifique renunciar ao estilo que lle gusta ao equipo, se non exclusivamente non arriscar en situacións de perigo ou en zonas comprometidas do campo.
De non haber novidades, o técnico granate poderá contar coa práctica totalidade do equipo, xa que as molestias musculares e gripais que afectaron a varios xogadores a pasada semana remitiron e unicamente Sestelo parece descartado para o partido, ademais de Iago Paz pola sanción. Precisamente o central, xunto con Caco, que segue co seu longo proceso de recuperación, traballaron á marxe do grupo, mentres que Tomás non participou no ensaio, ao desprazarse a Santiago coa selección galega de xuvenís, que xogaba un amigable fronte á S.D. Compostela.
Mañá, mércores, o Pontevedra repetirá escenario (Monte Carrasco) e hora do ensaio (16,00), mentres que o venres posiblemente sexa o campo de ponte Caldelas quen albergue a última sesión da semana.