Segundo xogador que renova co Cisne: o extremo Jose Leiras
Por Redacción
O Club Cisne empeza a esfollar a margarida en relación á composición do plantel co que debutará a próxima campaña na Liga Asobal.
Renovado primeiro o corpo técnico, con Jabato á cabeza e Quiños como axudante, o internacional júnior Álvaro Preciado foi o primeiro dos xogadores en confirmar a súa continuidade. Unha noticia á que este martes seguiulle outra máis.
O extremo dereito Jose Leiras seguiu ao seu compañeiro renovando por un ano máis co cadro pontevedrés para vivir o que será a súa estrea a máxima categoría.
Aos seus 19 anos, Leiras recoñeceu estar "moi contento de poder xogar co Cisne en Asobal", esperando seguir coa súa progresión, xa que que "levo xa catro anos no club e cada un foi mellor que o anterior".
A intención do Cisne é competir o próximo ano coa gran maioría de integrantes do plantel que logrou o ascenso, polo que se esperan poucas caras novas no equipo.