Un gol de Santi Domínguez, de penalti, dá a vitoria ao Pontevedra (0-1) sobre o Xuventude Sanxenxo
Por Redacción
Un penalti transformado por Santi Domínguez cando quedaban dous minutos para o final deu a vitoria ao Pontevedra sobre o Xuventude Sanxenxo. Os de ÿscar García evidenciaron unha maior rodaxe que o conxunto granate e lle puxeron as cousas moi difíciles para levarse a vitoria.
O equipo granate evidenciou que aínda lle falta moito para alcanzar a súa posta a punto. Nando mantivo a súa aposta táctica polo sistema 4-1-4-1, con Brais como enganche e Kevin arriba, pero non lle deu resultado no primeiro período, no que os locais conseguiron levar a iniciativa e dispuxeron das mellores ocasións, especialmente unha de Galdames, que coa portaría baleira mandou o balón apenas uns centímetros desviado á esquerda.
O Pontevedra intentaba chegar, pero custáballes demasiado. O seu primeiro disparo a porta non chegaría ata o minuto 36, nunha combinación entre David Pérez, Kevin e Emilio, que paseou o balón diante da liña de gol sen que ninguén acertase a empurralo á rede.
Os cambios na segunda parte fixeron variar o panorama. Os dous técnicos utilizaron a todos os seus xogadores de banco, e nese punto tirou proveito o Pontevedra, que se veu arriba e empezou a crear perigo, aínda que as súas mellores ocasións serían a balón parado.
Non obstante o marcador non se movería ata que o árbitro, en decisión protestada pola bancada sinala penalti, tras un disparo de Luismi que dá en Dani. O colexiado interpretou man e Santi Domínguez encargouse de transformar o único gol do partido, sen tempo para a reacción local.
XUVENTUDE SANXENXO (0): José Manuel, Darío (Minso, min. 53), Fiti (Congui, min. 73), Javi (Borja, min. 73), Alfonso (Vileda, min. 60), Cañi, Róber, Jorge (Zalo, min. 53), Galdames (Dani, min. 53), Aguín (Borja, min. 60) e Cerqueiras (Mario, min. 60).
PONTEVEDRA C.F. (1): Edu (Paco, min. 45), Uru, Juan Ignacio (Álex Freire, min. 58), Yago Vázquez, Caco (Collazo, min. 45), Brais (Bruno, min. 45), Diego Arnero, Javi Nogueira, Kevin (Santi Domínguez, min. 67), Emilio (Luismi, min. 61) e David Pérez (Richi, min. 45).
Árbitro: Matías Otero. Colexio de Pontevedra.
Gol: (0-1) Minuto 88: Santi Domínguez, de penalti.
Incidencias: Campo municipal de Baltar de Arriba (Sanxenxo). Uns 100 espectadores. O partido comezou con 25 minutos de atraso debido á tardanza en chegar do árbitro designado.