A Playlist de Silvia Aguete Outón, porteira do Poio Pescamar de fútbol sala feminino e da Selección Nacional ten moita relación congrandes momentos da súa traxectoria deportiva, que son ademais grandes momentos para o deporte feminino, e para o fútbol sala español.
Chus, a súa nai, é unha fan incondicional da súa filla; así a ve ela. Como tamén o é o seu irmán Nacho, dez anos menor e que vai para biólogo. Cando estudaba nas Calasancias deixou as actividades extraescolares de ximnasia rítmica, ballet, piano, inglés, para centrarse nunha única: o fútbol sala. Lembra Silvia que "era a única nena no colexio que no recreo alí estaba cos seus zapatitos dándolle patadas ao balón".
A través da Asociación Española Contra o Cancro e Lino, foi como entrou no seu primeiro equipo. Neste era a máis pequena, tanto que xogaba cun equipamento tres tallas máis grandes que ela. Tivo que escoitar iso de que o fútbol non é para mozas "máis veces das que quixese", pero afortunadamente na súa casa non pensaban igual. Logo chegou o Queiroga que foi onde Jacobo pasouna á portería e onde, fusionado co Leis, mantívose xogando ata a tempada 2013-14 cando fichou polo Poio Pescamar.
Aínda que no Instituto custáronlle as Matemáticas e a Química, ao terminar Bacharelato púxose a facer Farmacia en Santiago. Unha formación pola que aparcou temporalmente a súa carreira deportiva. Actualmente compaxina o fútbol sala co estudo de oposicións para ser nun futuro funcionaria de prisións.
Impulsiva e comedida a partes iguais e bastante realista. É muller de ideas claras, aínda que iso non lle quita para cotexalas con Chus, Nacho e Jose, a súa parella, ao que coñeceu ao chegar ao Poio Pescamar. Con el regresou a Porto para gozar da cidade tras o bo sabor de boca que lle deixou gañar na cidade lusa o Europeo.
Cando Silvia Aguete estivo en PontevedraViva Radio para gravar este programa dicía que 2019 foi o seu mellor ano deportivamente falando e que a partir de aí "todo o que me quede por facer benvido sexa". Dúas semanas despois chegoulle ese nomeamento de mellor porteira do mundo de fútbol sala 2019. Recibiuno no confinamento ao que obriga este estado de alarma; así que cando isto pase: todo o que che quede por celebrar, ben celebrado sexa.