A Sociedad Gimnástica realiza unha das mellores actuacións da súa historia no Campionato de España de Atletismo
Por Redacción
Foron dúas medallas de prata e cinco postos de finalistas a colleita da Sociedad Gimnástica de Pontevedra no Campionato de España Absoluto de atletismo disputado no Polideportivo Municipal José Caballero de Alcobendas, en Madrid. Un brillante resultado para o atletismo pontevedrés que se suma aos grandes logros que levan conseguindo os atletas de Ramón Touza na última década.
Nacho Sarmiento nos 400 metros valos e Alfonso Palomanes no triplo salto, subiron ao podio a recoller senllas medallas de prata. Nacho volveu mellorar a súa marca do ano, con 51.30 rebaixando un pouco máis o récord da veterana Sociedade, que arrebatara hai un mes a un histórico do atletismo pontevedrés como Carlos Gayoso, que en 1968 correu en 52.0.
Alfonso Palomanes non pisou táboa no seu segundo intento, deixando polo tanto 20 centímetros na medición do salto, pero iso non lle impediu chegar ata os 16.21, que é novo récord galego, mellor marca da Gimnástica e medalla de prata, o seu primeiro metal nun nacional absoluto.
Rozaron as medallas Alberto Salcedo e Julián Ortiz, ao quedar cuartos nos 200 metros e nos 110 metros valos respectivamente. Alberto, que fora medalla de ouro no nacional de pista cuberta, chegaba a Alcobendas cunha mellor marca de 21 segundos, pero unha serie de problemas físicos que non lle permitiron adestrar o que quixera, impedíronlle conseguir a medalla, aínda así correuse moi rápido e os tres primeiros baixaron de 21 segundos. Alberto con 21.38 foi cuarto.
Julián Ortiz estivo a 8 centésimas do podio con 14.24. Talvez o tropezo nalgún dos valos lle impediu achegarse aos 14.01 que fixo este ano e que lle tivesen dado a medalla de bronce.
Fantástica foi a actuación do relevo longo. Eduardo Gallardo, Gustavo Avilés, Nacho Sarmiento e Eduardo Suárez bateron o récord do 4 x 400 da veterana Sociedade con 3.15.01, conseguindo o quinto posto.
Tamén Víctor Gallego nos brindou unha grande actuación. Se o sábado estableceu no lanzamento de peso un novo tope autonómico con 17.44, quedando oitavo, na noite do domingo conseguiu no lanzamento de disco a quinta posición con 53.43.
O resto de atletas, aínda que non conseguiron ser finalistas, demostraron o seu espírito loitador e estiveron moi preto dos mellores. Nos 400 metros, Eduardo Gallardo fixo marca persoal con 48.57, quedando duodécimo. Eduardo Suárez estivo a punto de meterse na final de 800 metros, sendo terceiro na súa serie e décimo na xeral. Jesús Manuel Cardó intentou seguir o forte ritmo que se impuxo nos inicios dos 3.000 metros obstáculos, pero lle pasou factura e rematou décimocuarto. David Alejandro non baixou dos once segundos no hectómetro polo vento contrario e quedou fóra da final, sendo décimosexto de España. Marc Tur foi descualificado na proba de 10 quilómetros marcha e Mario García non puido coa altura inicial de 4.75 da proba de salto con pértega.
Dúas medallas, dous records autonómicos, un total de 7 finalistas e 4 mellores marcas de sempre da veterana Sociedad; é un balance fantástico para o potencial da Gimnástica.