Medalla de prata para os atletas da Gimnástica Nacho Sarmiento e Alfonso Palomanes nos Campionatos de España
Por Redacción
A xornada de mañá e tarde do domingo do Campionato de España Absoluto de Atletismo resultou fantástica para a Sociedad Gimnástica. Se o sábado Víctor Gallego establecía unha nova plusmarca de Galicia no peso, con 17.44, quedando oitavo na final, as medallas para a Sociedad Gimnástica chegaron na última xornada do Campionato, pero vaiamos por partes.
Despois do seu éxito no Campionato de Europa júnior, Marc Tur saíu a por todas na final dos 10 quilómetros marcha, que se celebrou pola mañá. A carreira foi moi rápida e Marc, que non tiña nada que perder, arriscouse moito para seguir á cabeza sendo descualificado por marcha irregular.
Tamén competiron na xornada matinal Alberto Salcedo e Julián Ortiz que se clasificaron para as súas respectivas finais, 200 metros e 110 metros valos, respectivamente.
Pola tarde Alfonso Palomanes foi o primeiro en entrar en liza no triplo salto e asombrou a todos na segunda rolda, cando sen pisar a táboa (perdeu 20 centímetros), se foi ata os 16.21, batendo unha nova plusmarca galega e afianzouse na segunda posición do concurso.
Ao mesmo tempo Nacho Sarmiento saíu na final dos 400 metros valos, fixo a súa mellor carreira do ano, asinando en meta 51.30, establecendo unha mellor marca da Sociedad Gimnástica e o que é mellor sumando unha medalla de prata para o equipo pontevedrés.
A continuación das carreiras de valos, Alberto Salcedo participou na final dos 200 metros e vaia que se correu en Alcobendas; o vento axudou moito a que os medallistas da proba baixasen dos 21 segundos, Alberto con 21.38 só puido ser cuarto, aínda así magnífica a tempada que está a facer o pupilo de Rolando Naranjo.
E volvendo ao triplo salto, Alfonso Palomanes non mellorou a marca nos catro intentos que lle quedaban, pero os rivais non puideron superar os 16.21, co que se colgou ao colo a medalla de prata, a segunda para a Ximnástica.
Dous records de Galicia, dúas medallas e un record da Gimnástica, é o fantástico balance provisional que levan os atletas pontevedreses destes campionatos de España.