Beatriz Gómez queda fóra da final dos 200 metros estilos no Mundial de Barcelona
Por Redacción
A nadadora pontevedresa Beatriz Gómez Cortés non puido repetir o bo rendemento da mañá e na tarde deste domingo 28 quedaba fóra da final de 200 metros estilos ao quedar oitava na súa serie de seminifinales do Campionato do Mundo que se disputa en Barcelona.
Bea Gómez comentaba aos micrófonos de TVE tras a serie que o seu inicio fora moi lento e non aguantou o ritmo de costas polo que no tramo final xa non puido remontar. Aínda así, mostrábase satisfeita por encontrarse entre as primeiras 16 do mundo na súa primeira intervención en categoría absoluta dun Campionato do Mundo cun tempo de 2:15:11 que a sitúa décimoquinta do mundo.
A nadadora completara pola mañá unha boa proba a pesar de quedar sexta, ao obter un crono de 2:13:98, marca que lle serviu para entrar na semifinal.
A española Mireia Belmonte conseguía clasificarse para a final nesa mesma serie ao quedar segunda por detrás da chinesa Ye Shiwen, dobre campioa olímpica en Londres 2012 nas probas de estilos.
Ademais da súa participación nos 200 metros estilos, Bea Gómez entrou na piscina como compoñente do equipo español do relevo 4x100 libre. Formado por Marta González, Patricia Castro, Beatriz Gómez e Melanie Costa, lograron unha nova plusmarca nacional ao parar o crono en 3:42.08, un tempo que non foi suficiente para que puidesen pasar á final.
Bea Gómez aínda competirá o 1 de agosto en 4x200 relevo libre, ao día seguinte en 800 metros libres e o 4 de agosto en 400 metros estilos.