O Arosa arrepor ao Coruxo (1-1) na súa presentación na Lomba
Por Redacción
Interesante estrea de pretempada do Arosa, que foi capaz de plantar cara a un rival de superior categoría como o Coruxo, logrando un meritorio empate (1-1) que, malia a intranscendencia do resultado, deixa boas sensacións aos seus seguidores de cara á campaña do seu retorno a Terceira División.
Malia que o técnico visitante, Antonio Gómez, presentou unha aliñación experimental, foi o Coruxo quen levou a iniciativa e pronto tivo a oportunidade de adiantarse no marcador, a través dun penalti sinalado polo árbitro aos 3 minutos. Non obstante Jorge adiviñou a intención de Víctor Besada detendo o lanzamento.
A pesar do dominio visitante, serían os de Piscis os primeiros en marcar, por medio de Nando, no minuto 25 nunha boa xogada individual. O gol deu ás aos arlequinados, que pasaron a dominar o partido. Non obstante, ao contrario do que pasou antes, agora sería o Coruxo quen marcara, logrando a igualada cunha volea de Álex Vao dende a frontal da área.
A segunda parte serviu para ver numerosos cambios en ambos os dous equipos. A mellor ocasión para desfacer a igualada tívoa nas súas botas o xuvenil Julio Rey, pero non logrou o seu obxectivo.
AROSA S.C. (1): Jorge Peréz, Santi, Munín, Alfonso, Jose Ángel, Rivas, Jonathan, Nando, Camiño, Ramón e Eloy. Tamén xogaron: Vina, Juanjo, Martín, Fernando, Vixo, Jesu, Rubén, Álex, Julio Rey e Quique Cubas.
CORUXO F.C. (1): Brais, David, Yago Yao, Iosu Villar, Besada, Centrón, Chaco, Damiá, Álex Vao e Unai. Tamén xogaron: Costas, Fernando, Castor, Alberto, Antúnez, Dani Gómez, Davila, Claudio e Diego.
Árbitro: Alejandro Muñiz (Pontevedra), auxiliado en bandas por Roi Portas e Carlos Fernández.
Goles: (1-0) Minuto 25: Nando. (1-1) Minuto 43: Álex Vao.
Incidencias: Campo da Lomba (Vilagarcía de Arousa). Uns 300 afeccionados. Gardouse un minuto de silencio polas vítimas do accidente ferroviario de Santiago.