O circuíto nacional de voley praia terá parada na praia de Silgar
Por Redacción
A praia de Silgar, en Sanxenxo, será unha das paradas do Madison Beach Volley Tour, o circuíto nacional de voley praia organizado pola Real Federación Española de Voleibol e Madison Sports Marketing.
Será a primeira vez que este circuíto, creado en 2013, faga parada en Galicia.
Sobre a area de Sanxenxo daranse cita as mellores parellas nacionais deste deporte e algúns equipos internacionais, tanto en categoría masculina como feminina.
O evento desenvolverase durante catro días de competición, do 4 ao 7 de xuño, segundo anunciaron os seus organizadores.
O Sanxenxo International Open 2020 contará tamén cunha versión infantil, o Madison Beach Volley Tour Kids, un programa que pretende fomentar o voleibol entre os máis pequenos.
Música en directo, bailes, xogos, concursos e sorteos completarán a programación de actividades previstas durante os diferentes días de competición.
Menorca, Laredo (Cantabria) ou Fuengirola (Málaga) son outras das paradas confirmadas deste circuíto nacional.