Pontevedra e Lugo disputarán o 6 de agosto o Trofeo Cidade de Pontevedra
Por Redacción
Tras o Deportivo, o Pontevedra C.F. contará con outro rival de nivel nesta pretempada. O Club Deportivo Lugo, que tamén milita en Segunda división, será o equipo que se en fronte ao conxunto granate na trixésimo sétima edición do Torneo Cidade de Pontevedra. O partido disputarase o martes 6 de agosto ás 20:30 horas en Pasarón e as entradas máis económicas terán un prezo de 8 euros.
O alcalde de Pontevedra, Miguel Fernández Lores e o presidente do consello de administración do Pontevedra C.F., José Manuel Fernández, sinalaron na presentación do torneo a importancia de que os afeccionados retiren os seus carnés de socio para a próxima tempada.
Lores entende que non se vai celebrar unha nova reunión como a que se mantivera cos representantes das penas para promover a ampliación de capital pero insistiu en que se está a facer un grande esforzo para sacar o club adiante: "esquecémonos moi pronto da situación en que estaba o club hai tres anos cando se atopaba preto da desaparición". E sinalou que é necesario facer un presuposto razoable porque aínda se están a pagar débedas contraidas anos atrás e recordou que o desexo de todos é "que o Pontevedra suba".
Neste sentido, José Manuel Fernández, indicou que o luns ou o martes da próxima semana se reunirá o consello de Administración do club para estudar a actual situación.
Durante a presentación, o alcalde recibiu o seu carné de socio para a próxima tempada.