Doce atletas da Sociedade Ximnástica acudirán ao Campionato de España absoluto de Atletismo
Por
Doce atletas da Sociedade Ximnástica acudirán a Alcobendas a próxima fin de semana para participar no Campionato de España absoluto de Atletismo; a principal competición da tempada e que decidirá os integrantes da selección española que acuda ao mundial de Moscú.
O equipo pontevedrés ten ante si o mellor grupo de atletas da súa historia, dispostos a superar a mellor actuación da Ximnástica nun Campionato de España, vai ser complicado xa que foi en 2009, cando Jean Marie Okutu e Gustavo Dacal, se trouxeron dúas medallas de ouro; pero a priori a veterana Sociedade pode soñar con ata cinco medallas, será moi difícil, pero "conseguir tres sería, como se di coloquialmente, a repera".
Outra historia moi distinta é poder ir a Moscú, ningún ten as esixentes mínimas que pon a RFEA, pero participar nun Campionato de España dá ás aos atletas e moitos deles veñen dispostos a rebaixar a súa marca persoal.
Teñen opcións importantes de medalla, Ignacio Sarmiento e Julián Ortiz, xunto con David Alejandro
Teñen opcións importantes de medalla, Ignacio Sarmiento e Julián Ortiz, xunto con David Alejandro, que estará no hectómetro.
Ignacio Sarmiento participará nos 400 metros vallas e acode coa terceira mellor marca dos participantes, o sábado ás 18:55 horas terá as semifinais e se se clasifica, a final o domingo ás 20:30 horas; para tres horas despois correr coa Ximnástica o relevo longo.
Ignacio Sarmiento asegura que ten "moitas ganas de competir. Levo todo o ano preparando este Campionato e séntome con moita confianza así que irei a por todas tanto nos 400 metros vallas coma no relevo onde tamén temos moitas opcións".
A súa marca do ano é de 51.46 o que lle sitúa entre os favoritos para medalla, aínda que a súa marca persoal é de 50.73 "os tempos dos meus últimos adestramentos indícanme que estou mellor que nunca así que se todo vai ben espero darlle unha boa dentada á miña marca persoal".
Pola súa banda Julián Ortiz, está coa cuarta mellor marca dos corredores de 110 metros vallas. O domingo ás once e dez da mañá terá as semifinais e se se cumpren os prognósticos estará na final ás once menos cuarto da noite.
Julián foise adestrar esta tempada fóra de España "a decisión foi totalmente proveitosa. Como sabedes este ano estou a adestrar en Bath (Inglaterra). Foi unha experiencia moi enriquecedora e coñecín novos métodos de adestramentos. Adapteime moi ben ao grupo e á forma de traballar, e a pesar da lesión que tiven en inverno, conseguín facer marca persoal en pista cuberta e aire libre, o cal é moi satisfactorio para min".
Os 14.02, que correu este ano nos 110 metros vallas sitúanlle entre os aspirantes a unha medalla no nacional absoluto. "Esta tempada a xente está a correr moito e o nivel das vallas subiu con respecto a outros anos. O ouro e a prata parecen estar claro (Javi López e Jackson Quiñónez) e logo estamos un grupo de 4 atletas para loitar polo bronce. Nas vallas nunca se sabe pero polo menos estamos na loita, o cal é bo sinal".
David Alejandro con 10.71 como mellor marca eléctrica este ano nos 100 metros; terá o sábado as semifinais ás 20:00 horas e as 22:05 horas a final.
Aínda que finalmente non correu, o feito de acudir ao Campionato de Europa sub-23 como suplente no relevo español de 4 x 100, significou un gran recoñecemento á tempada que leva "vén ben saber que seguen confiando en ti aínda que as marcas non fosen as mellores, e aínda que non corrín, como lle digo a todo o mundo, e as cousas como son, hai futbolistas que non tocan o balón no mundial e o acaban gañando".
"Hai que ser realistas e creo que co nivel que vai ter o 100 en Alcobendas meternos na final xa sería un premio, en canto á marca, espero rebaixar a miña marca da tempada, xa que estamos adestrando ben para iso, aínda así o premio gordo xa o recibín ao acudir ao europeo sub-23, isto sería o broche", afirma David Alejandro.