Un partido da Selección Española de balonmán, prato forte dos actos de 75 aniversario do Teucro
Por Diego Espiño
A Selección Española Absoluta de Balonmán volverá xogar en Pontevedra, e farao para homenaxear o vicedecano nacional, a Sociedad Deportiva Teucro dentro da celebración do seu 75 aniversario.
"Hay un compromiso por parte del presidente de la Federación", recoñeceu o ex-presidente e membro da xunta xestora, Carlos García-Alén, na presentación dos actos que se realizarán con este motivo ao longo do ano, aínda que o acordo está pendente do canon que estableza o organismo federativo.
Un partido amigable dos 'Hispanos' será o prato forte da programación conmemorativa que o club pontevedrés preparou. Este encontro, contra un rival aínda por confirmar, celebrarase en "xuño ou outubro", aseguraron ante a posibilidade de que se enmarque dentro da preparación para os Xogos Olímpicos de Tokyo ou se dispute xa dentro da próxima tempada deportiva, unha vez pasado o verán.
Desta forma o combinado nacional, flamante campión do Europa, volverá a unha cidade que visitou por última vez en xaneiro de 2018 con motivo do Torneo Internacional Memorial Domingo Bárcenas. Por aquel entón o Pavillón Municipal dos Deportes gozou de senllos partidos ante Bielorrusia e Arxentina no medio dun gran ambiente nas bancadas.
Pero non será o único acto de celebración dos 75 anos de vida dunha das institucións deportivas máis queridas polos pontevedreses, xa que ao longo do ano está previsto a organización de diversos eventos como un Torneo Internacional Absoluto con equipos de Galicia e Portugal (mes de agosto); un Torneo Internacional de Base Masculino e Feminino (abril ou setembro); unha carreira popular con saída en Montero Ríos e meta como non podía ser doutra forma na Praza do Teucro (3 de maio); unha cea do 75 aniversario na que se homenaxeará a socios e persoas vinculadas co club (9 de maio); unha mesa redonda sobre deporte e igualdade (marzo-xuño); ou a presentación dun documental sobre os últimos 25 anos de historia do club, unha exposición e tamén dun libro, entre outras cousas.
O período de celebración comezará de maneira oficial o 4 de marzo co izado dunha bandeira conmemorativa no Pavillón Municipal e o 4 de maio, data dos aniversarios da entidade deportiva, descubrirase un monólito de pedra elaborado para a ocasión pola Escola de Canteiros.
Á presentación do calendario festivo, elaborado por unha comisión creada especialmente para a ocasión, acudiron diversos representantes políticos como o secretario Xeral para o deporte da Xunta de Galicia, José Ramón Lete, o vicepresidente autonómico Alfonso Rueda, o deputado provincial Gorka Gómez e o concelleiro de Deportes da cidade, Tino Fernández.
Relacionadas:
-
Pontevedra, cuartel xeral dos Hispanos no seu camiño a Tokyo
Por Diego Espiño |
-
A negociación polo partido dos Hispanos en Pontevedra, avanzada pero pendente do Covid-19
Por Diego Espiño |
-
Partido "trascendental" para o Teucro e nova proba á ilusión do Cisne
Por Diego Espiño |
-
Primeiros pasos para a organización do 75 aniversario do Teucro
Por Redacción |
-
España despídese de Pontevedra gañando a unha notable Arxentina (31-28)
Por Diego Espiño & Diego Torrado |
-
España resolve en dez minutos ante Bielorrusia e logo exhíbese (35-30)
Por Ramiro Espiño & Oskar Viéitez |