Oito equipos galegos rematan no top 20 do Campionato de España de Piragüismo
Por Redacción
O Kayak Tudense logrou o segundo posto na clasificación por equipos no Campionato de España de pista que se disputou en Verducido. O quinto na clasificación foi o Ás Torres de Catoira Romería Vikinga e o sétimo o Breogán do Grove. Outras cinco formacións galegas entraron entre os vinte primeiros.
O Kayak Tudense logrou un total de vinte medallas, dez delas de ouro, e impúxose na Liga Sénior Nacional de 2013, o que supón algo histórico. O Náutico de Sevilla foi o triunfador en Verducido.
A última xornada do Campionato de España estivo dedicada ás probas de 200 metros. E nesa distancia, os padexeiros galegos volveron demostrar que se encontran entre os mellores a nivel nacional. André Oliveira, do Firrete, gañou en C-1 200, por diante de Adrián Siero, do Piragüismo Poio, e José Luis Bouza, do Kaiak Tudense. A chegada foi moi igualada e espectacular, coa caída dalgún dos participantes na liña de meta.
Raquel Rodríguez, do Cidade de Pontevedra, foi segunda en C-1 200 metros, mentres que Paulino Outeiro, do O Muiño de Ribadumia, ocupou a mesma posición en K-1 200. O mellor posto en K-1 200 feminina foi o cuarto lugar de Tania Fernández, do Fluvial de Lugo.
Nos barcos dobres tamén houbo superioridade galega. Carlos Pérez Rial e Rodrigo Tiebo, do Piragüismo Aldán, impuxéronse en C-2 200 por diante de Luis Real e Cristian Toro, do Fluvial de Lugo. Javier Benito e Carlos Arévalo, do Ría de Betanzos, só puideron ser cuartos.
Na modalidade de C-2 200 metros o dominio autonómico resultou apisoante. Os seis primeiros barcos da clasificación final foron galegos. Luis Figueira e José Luis Bouza, do Kaiak Tudense, foron os gañadores, André Oliveira e Brais Casas, do Firrete, ocuparon a segunda posición, e Xosé Francisco Vales e Adrián Edreira, do Ría de Betanzos, foron terceiros.
Precisamente os catro compoñentes do Ría de Betanzos foron os gañadores na especialidade de C-4 200 metros. Adrián Edreira, Ton Campos, José Manuel Sández e Xosé Francisco Vales, superaron por unha escasa marxe á embarcación do Náutico de Sevilla. Ismael Pesado, Diego Miguens, Rubén Paz e Alejandro Conde, do Ás Torres Romaxe Viquinga, foron terceiros.
O Kayak Tudense logrou impoñerse en K-4 200 metros feminina coa tripulación composta por Valeria Romero, Leticia Piña, Carla Pérez e Ana Varela. Os tudenses foron terceiros na categoría masculina, con Diego Piña, Roi Rodríguez, Rubén Millán e Gabriel Pavón.
Na clasificación por clubs o Kayak Tudense ocupou o segundo posto, As Torres Romería Vikinga foi quinto, Breogán do Grove colocouse no sétimo lugar, o Ría de Betanzos foi undécimo, o Cidade de Pontevedra décimosegundo, o Verducido Pontillón décimotercero e o Club Náutico de Pontecesures décimo oitavo. No Campionato de España participaron 78 clubs, máis de mil padexeiros e disputáronse 261 regatas.
Verducido acollerá o próximo fin de semana o Campionato de España de novas promesas, cunha elevada representación do piragüismo galego.