Carlos Pacheco tras deixar o Pontevedra xogará no Negreira
Por Ramiro Espiño
Seguen encontrando acomodo os xogadores que abandonan o Pontevedra. Neste caso a quenda é para o novo defensa Carlos Pacheco, que rexeitara a oferta de renovación que lle puxo sobre a mesa Milo Abelleira por considerala insuficiente e barallaba distintas opcións para continuar coa súa carreira deportiva. Finalmente será o Negreira o equipo en que Pacheco actuará nesta próxima tempada, tras alcanzar un acordo co club coruñés na mañá do sábado.
Pacheco estudara mesmo a posibilidade de marchar fóra de Galicia, pero finalmente asinará por unha tempada co Negreira, club que, tras lograr a permanencia o pasado exercicio en Terceira División na última xornada de liga, aspira este ano a non pasar apuros para manter a categoría, e no que o canteirán granate confía en contar cos minutos dos que non puido dispoñer no Pontevedra, especialmente neste último ano tras a fractura de boneco que sufriu durante un partido co filial, e que o obrigou a pasar polo quirófano, manténdoo sen xogar durante case tres meses.