Marín acollerá o 2 de agosto unha nova edición da carreira popular +10 Marín Manuel Rosales
Por Redacción
O venres 2 de agosto terá lugar en Marín unha nova edición da carreira popular +10 Marín Manuel Rosales - Gran Premio Ence, que transcorrerá polas rúas da localidade ata completar un percorrido de 10 quilómetros. A carreira popular disputarase a partir das 21.30 horas, con saída e chegada na Alameda, lugar onde tamén se desenvolverá a entrega dos trofeos conmemorativos.
Celebrarase unha única proba dividida en dúas categorías: masculina e feminina, nun circuíto plano sen desniveles considerados. Nela poderán participar tanto os atletas federados como os non federados, sempre que naceran no ano 1997 ou anteriores (categoría xuvenil en diante).
A inscripción pódese formalizar ata o martes 30 de xullo ás 23.59 horas a través da páxina web www.championchipnorte.com. O prezo da mesma será únicamente de 5 euros, tanto para federados como para non federados, importe que os corredores pertencentes a clubs de Marín non terán que abonar.
CARREIRAS PARA OS MAIS PEQUENOS
Antes da proba de 10 quilómetros, haberá lugar para que os máis pequenos formen tamén parte do evento. Ás 21.00 horas comezará a carreira Chupetes (0-4 anos), de 100 metros aproximadamente e, posteriormente, empezará a carreira Benxamín-Alevín (5-9 anos), de 400 metros. Para rematar, será a quenda da carreira Infantil-Cadete (10-13 anos, nados desde o 1998 ata 2001), de 1.000 metros.
A inscripción será gratuita para todos eles e deberá formalizarse no Concello de Marín desde o día 30 de xullo ata media hora antes do comezo de cada proba.
TROFEOS E AGASALLOS
Aos tres primeiros clasificados das categorías masculina e feminina absoluta e da categoría Infantil-Cadete faráselles entrega dun trofeo conmemorativo. Mentres, todos os participantes das carreiras Benxamín-Alevín e Chupetes recibirán un agasallo nada máis cruzar a liña de meta. Haberá tamén, entre outros, un premio especial ao primeiro e á primeira atleta marinense que cruce a liña de meta.