Nacho Campos e Gonzalo Martínez seguen líderes da Turismo Rías Baixas Worlds, pero con italianos e eslovacos moi preto
Por Redacción
Os primeiros postos nun pano. Así está o título mundial da clase Vaurien trala disputa da terceira xornada da regata Turismo Rías Baixas Worlds. Nacho Campos e Gonzalo Martínez mantéñense líderes, pero con italianos e eslovacos pisando os talóns aos españois. En categoría feminina Lucía e Laura Llópiz seguen intratables e lograron aumentar aínda máis a súa vantaxe en augas do Real Club Náutico de Sanxenxo.
Cun sol radiante e ventos do oeste de 10 a 12 nós de intensidade, ás 13:30 horas comezaba a primeira manga do día na que os españois volveron mostrar o seu dominio. Nacho Campos e Gonzalo Martínez levábanse o triunfo da manga mentres que Jaime e Alfonso Leirós, actuais campións do mundo da clase, asinaban un terceiro na chegada. Entre ambas tripulacións, Zampacavallo e Armengot sumaban un novo podio parcial.
A segunda manga do día reservaba moitas sorpresas para a flota española. Os eslovacos Miroslav e Maros Baran levábanse a vitoria da proba seguidos polo Movistar de Jaime e Alfonso Leirós e os italianos Zampacavallo e Armengot. Nacho Campos e Gonzalo Martínez aguantaban na segunda posición da xeral aínda logo de asinar un fóra de liña que poderían descartar trala disputa da novena manga do Turismo Rías Baixas Worlds.
Co vento baixando progresivamente o Comité daba o bucinazo de saída á terceira proba do día, que ademais supoñía a entrada en xogo do segundo e último descarte. Os irmáns holandeses Roleof e Jelmer Kuipers sacaron todo o seu potencial nesta ocasión e leváronse a vitoria desta manga seguidos de Miroslav e Maros Baran, que este mércores tiveron o seu mellor día. A terceira posición nesta ocasión foi para os italianos Zampacavallo e Armengot, que volveron a ter unha xornada redonda no Turismo Rías Baixas Worlds.
En canto á proba feminina, as vitorias estiveron bastante repartidas. As holandesas Grytsje de Boer e Femje Spek venceron na primeira manga, triunfo que repetiron na segunda. Na última proba do día as galegas Alejandra Suárez e Helena Pérez lograban a súa primeira vitoria parcial en augas da ría de Pontevedra. En todo caso, Lucía e Laura Llópiz asinaron varios podios parciais e manteñen o seu dominio na proba.
Tras unha xornada de infarto no Real Club Náutico de Sanxenxo, os galegos Nacho Campos e Gonzalo Martínez mantéñense líderes do Turismo Rías Baixas Worlds cos italianos Zampacavallo e Armengot pisándolles os talóns. A terceira praza é hoxe para os eslovacos Miroslav e Maros Baran, que se colocan a dous puntos da prata e a tres do ouro. Os irmáns Jaime e Alfonso Leirós seguen cuartos a tan só seis puntos do podio mundial.
En categoría feminina, Lucía e Laura Llópiz non só se manteñen líderes senón que, ademais, aumentan a súa vantaxe e xa son sete puntos os que lle separan de Femke Yntema e Janine de Haan, segundas. Alejandra Suárez e Helena Pérez manteñen o bronce provisional aínda que a un único punto da prata polo que as viguesas sairán á auga o vindeiro venres con ganas de subir postos na xeral.
Poucos cambios na clasificación júnior, onde Alejandro González Luca de Tena e Miriam González seguen deixando o pavillón español ben alto. Co bronce colgado ao pescozo, un día máis parece que as tripulacións holandesas asentáronse no podio con Jelle Fokkema e Fimme Veldhuis no máis alto. En categoría máster, o tándem formado por Zampacavallo e Armengot mantense líder indiscutible da flota cun colchón de nove puntos sobre os franceses Drogou e Guilloux.
A flota gozará este xoves dunha merecida xornada de descanso no Turismo Rías Baixas Worlds e é que o ritmo destes tres primeiros días de competición foi agotador. O venres retomaranse as probas a partir das 13:00 horas.