Dez atletas e o relevo 4x400 da Sociedad Gimnástica teñen xa a mínima para o Campionato de España
Por Redacción
O Campionato de España absoluto preséntase cos atletas da Sociedad Gimnástica ben situados no ranking. A falta de escasas dúas semanas para a súa celebración xa clasificou a dez dos seus atletas, ademais do relevo longo, para esta competición. Seis deles, xunto co relevo, atópanse colocados entre os oito mellores do ranking nacional, algo nunca visto nas filas do equipo pontevedrés.
Con 3.16.49 o equipo de relevo 4x400, formado por Gustavo Avilés, Eduardo Gallardo, Eduardo Suárez e Ignacio Sarmiento, están terceiros do ranking. Foi no ano 2010, a única vez que a Sociedad Gimnástica acudiu a un Campionato de España co relevo longo e esta vez ten serias posibilidades de subir ao podio se non cometen ningún fallo.
Ignacio Sarmiento é outra das opcións de conseguir medalla nos 400 metros vallas, con 51.46 afiánzase na terceira posición da lista nacional. Julián Ortiz tamén deu un gran salto de calidade este ano ao correr os 110 metros vallas en 14.02, que lle colocan cuarto do ranking e acode ao nacional co obxectivo de chegar aos 13 segundos. Se o consegue podería colgarse unha medalla.
Víctor Gallego, no lanzamento de disco con 55.09, leva varios anos entre os oito mellores de España. Esta tempada está o cuarto do ranking, pero os tres primeiros xa lanzaron 60 metros e só un gran resultado podería darlle a medalla. Moi probablemente tamén participará no lanzamento de peso.
Alfonso Palomanes é outro dos que bateu a súa marca persoal este ano no triplo salto con 16.06, establecendo unha nova plusmarca de Galicia, que lle coloca en quinta posición da lista nacional e se lle acompaña a sorte quizais podería estar nas medallas.
Marc Tur conseguiu esta tempada, prácticamente todo nas carreiras de marcha da categoría júnior. Medallista no nacional e internacional con España, xa que esta semana estará no europeo júnior, viaxará a Alcobendas coa quinta mellor marca nacional da distancia de 10 quilómetros marcha. Aínda é moi novo e non ten nada que perder, polo que intentará poñer un gran broche final á súa brillante tempada.
Alberto Salcedo colgouse o pasado inverno a medalla de ouro no Campionato de España de pista cuberta. Será o atleta a bater nos 200 metros, pero terá moita competencia xa que este verán catro atletas rebaixaron a súa marca de 21 segundos xustos. Terá que facer unha gran actuación para colgarse unha medalla. Alberto tamén está oitavo na lista de 100 metros con 10.58, pero decidiu centrarse no dobre hectómetro.
Os outros catro atletas clasificados son David Alejandro nos 100 metros, Eduardo Gallardo nos 400 metros, Eduardo Suárez nos 800 metros e Jesús Manuel Cardó nos 3.000 metros obstáculos.
O nacional absoluto decidirá a selección definitiva para o Campionato do Mundo de Moscú. Desde a Sociedad Gimnástica recoñecen que será moi complicado que algún dos seus atletas acuda á cita mundialista, pero espera que poidan dar a sorpresa.