Raúl García de Mateos deixa o Super Froiz para pasar a profesionais co Loulé portugués
Por Redacción
O corredor do Grupo Deportivo Supermercados Froiz, Raúl García de Mateos fichou polo conxunto profesional portugués Loulé para o que resta de tempada. Faino logo de chegar a un acordo cos directivos do equipo pontevedrés, que se converteu unha vez en trampolín de ciclistas de cara a mellorar a súa situación profesional.
O corredor manchego rexeitara en varias ocasións diferentes propostas, pero neste caso o Loulé ofrécelle a posibilidade de poder facer un calendario moi completo, que inclúe a opción da Volta a Portugal. O Loulé é un dos mellores equipos ciclistas profesionais do país veciño.
A fichaxe de García de Mateos inclúese dentro da liña do Froiz de axudar aos seus corredores a entrar no mundo profesional. O mesmo sucedeu hai un ano cando Moisés Dueñas regresou ao pelotón profesional co BH-Burgos.
"Raúl foi un corredor moi importante dentro do noso equipo, no que estivo moito anos cun rendemento moi elevado e un comportamento espectacular", explica Evaristo Portela, director do Supermercados Froiz, mentres que o corredor recoñece que "se pon fin a unha etapa moi importante da miña vida, xa que aquí estiven moi a gusto en todo momento".
Un dos momentos máis importantes de García de Mateos no Froiz produciuse o ano pasado cando se proclamou campión de España de fondo en estrada en Salamanca culminando o gran recital da formación alimenticia que copou o podio.
De Mateos xa non correrá co Froiz o Trofeo Agostinho, que se disputará este fin de semana en Torres Vedra e no que o conxunto pontevedrés medirase a equipos profesionais.