Os Reis Magos traen as camisetas do Pontevedra
![Manu](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/c92/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/613a3b2f4f-20210902-patxot-radio-programa-deportes-1889.jpg)
Por Manu Otero
![](/web/cache/scene/uploads/fotos/foto/082/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjK0UipKLc6sStUxMjDQSU_/_7NK0kt0inJL1CyrgUA_/5d61b2bdb5-camiseta.jpg)
© Pontevedra CF
![](/web/cache/scene/uploads/fotos/foto/8e1/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjKxUipKLc6sStUxMjDQSU_/_7NK0kt0snNTEnJSVWyrgUA_/5d6e943c41-segundaequipacionpcf.jpg)
© Pontevedra CF
Foron catro meses de espera, pero a paciencia dos seguidores do Pontevedra que levaban desde o mes de agosto preguntándose cando poderán mercar a camiseta do seu equipo xa ten recompensa. E non podía ser máis poética, porque chegará en forma de agasallo de Reis. A través dun comunicado nas súas redes sociais, o conxunto granate anunciou aos seus seguidores que a partir do 2 de xaneiro poderán adquirir a camiseta da presente tempada.
Os socios terán privilexios en forma de desconto para facerse cunha destas pezas. Para os abonados o prezo será de 40 euros; mentres que o resto de simpatizantes terán que pagar 47 euros. "Acabámolas de recibir, ao longo desta semana sacarémolas á venda", explicaba o martes un dos traballadores da tenda que ten o club nos baixos da bancada de Preferencia de Pasarón.
O cambio de deseño e marca, sumado a problemas na preparación e envío das camisetas motivou o atraso na comercialización das camisetas. Esta situación afectou tamén os xogadores do primeiro plantel, que tardaron varias xornadas en estrear a equipación oficial, a que presenta a silueta do escudo estampado nun dos costados da peza. Este é un dos elementos que maior agrado causou entre a inchada xunto co lema Hai que Roelo na parte traseira do pescozo.
Pero se os Reis Magos van deixar agasallos granates baixo a árbore, na tenda oficial existen outras opcións. Os socios teñen á súa disposición bufandas do club por 10 euros, mentres que a camiseta branca do 75 aniversario segue á venda por 60. Ademais existe un variado catálogo de pezas deportivas e de rúa co escudo do club á venda no mesmo establecemento. Todo sexa por darlle a Pasarón un ton máis granate na segunda volta do campionato.