Celia Cerviño, ante unha tempada clave para o seu futuro no circuíto tenístico profesional
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
Aos seus 21 anos, despois de catro cursos completando os seus estudos universitarios en Estados Unidos, chega o momento de Celia Cerviño no circuíto profesional de tenis.
A deportista pontevedresa ten previsto intensificar tras o Nadal a súa preparación para a tempada 2020, a primeira na que se dedicará completamente á tarefa de progresar e afianzarse no ranking WTA e na que espera dar un impulso definitivo á súa carreira.
En só 6 meses desde a súa volta a España, Cerviño escalou máis de 350 postos no ranking internacional para terminar o ano no posto 881. En dobres, conclúe como a 693 da lista. Un ritmo de mellora que aspira a manter e incremetar no novo ano, no que o seu calendario centrarase no circuíto ITF.
Neste tempo Celia conseguiu levantar o seu primeiro título ITF individual en Lousada, Portugal, o que a colocou xunto a Lourdes Domínguez e Paula Hermida na exclusiva lista de tenistas galegas que gañaron un título destas características.
As pistas do Club de Tenis da Caeira serán o escenario da primeira e esixente fase de preparación do ano, baixo a batuta de Tozé Pinto e Chipi Agrelo e do seu preparador David Rodríguez.
Serán semanas de esforzo para chegar na mellor forma posible ao primeiro torneo da tempada, que se nada se torce terá lugar desde o 20 de xaneiro en Mallorca.