Triunfo de Angel Vallejo e o Super Froiz na Volta a Zamora
Por Redacción
O abulense Ángel Vallejo conseguiu este sábado a vitoria final na Volta a Zamora tras completar unha grande exhibición do Grupo Deportivo Supermercados Froiz.
O triunfo de Vallejo decidiuse na etapa de alta montaña, disputada o venres en Sanabria. A estratexia do equipo marcou sucesivas escapadas de varios dos corredores do Froiz para que fose Vallejo que sentenciase no ascenso final ao Porto de Muruxal onde se impuxo por diante de Víctor Martín (Deputación de León), adquirindo case tres minutos de vantaxe respecto aos seus principais rivais.
O equipo de Poio tamén finalizou no máis alto da clasificación por equipos con outros ciclistas en postos destacados como Miguel Lestido (sétimo) e José Antonio de Segovia (duodécimo).
A Volta a Zamora, con 315 quilómetros de percorrido, sitúa o Froiz na loita polo ránking nacional.
As próximas citas no calendario do equipo que dirixe Evaristo Portela son o Gran Premio Torres Vedras, en Portugal e a continuación as voltas a Ávila, León e, por suposto, no mes de setembro, a Volta a Galicia, que xa gañou en cinco ocasións.