Javi Gómez Noya pecha a súa tempada en Malaisia co billete para o Ironman de Hawaii 2020 en xogo
Por Diego Espiño
Despois dun ano centrado no seu regreso á distancia olímpica, con podio incluído nas Series Mundiais, ademais do ouro no Mundial ITU de Longa Distancia de Pontevedra e participacións en carreiras de media distancia, Javier Gómez Noya regresa ao Ironman para pechar a súa tempada.
Faino cun obxectivo, conseguir clasificarse a case un ano vista para o Campionato do Mundo Ironman de Hawaii 2020. Iso pasa por gañar este sábado 26 de outubro en Malaisia, cita escollida para este reto.
"O ano que vén o meu calendario e preparación vai ir enfocada aos Xogos Olímpicos única e exclusivamente, que son o 27 de xullo, e a partir de aí farei máis cousas e unha das posibilidades é facer Hawaii, facer o Mundial de Ironman e para iso estaría ben estar clasificado, por iso expóñomo facer agora", recoñeceu o campeonísimo galego hai unhas semanas en Pontevedra antes de participar no Pro Tour da Federación Española, no que acabou terceiro.
Tras o seu intento de 2018, pola mente de Gómez Noya pasa acumular experiencia en Kona (Hawaii) pensando no seu futuro próximo, xa que ten previsto aparcar a modalidade olímpica e centrarse na longa distancia unha vez pase Tokyo, competición ante a que "estou moi ilusionado", sinalou.
En Malaisia espera unha auténtica proba de supervivencia, máis se cabe tendo en conta a falta de preparación específica esta campaña para a distancia Ironman (3,8 quilómetros de natación, 180 quilómetros de ciclismo e un maratón final) e as condicións ambientais, máis duras mesmo que as de Hawaii ao esperarse temperaturas por encima dos 30 graos e ao redor do 70% de humidade.
Entre os seus rivais na liña de saída e para conseguir o ansiado 'slot' para Kona estarán o estadounidense Andy Potts, o francés Romain Guillaume ou o suízo Philipp Koutny, que vén de ser oitavo en Hawaii.
A proba, que supoñerá a terceira participación de Javi Gómez Noya nun Ironman, dará comezo á 1:45 horas da madrugada do sábado (hora española).
Relacionadas:
-
Gómez Noya vence no Ironman de Malaisia e consegue o billete directo para Hawaii 2020
Por Almu Dapena |
-
Anna Godoy e Mario Mola, vencedores na espectacular posta en escena do Pro Tour de tríatlon
Por Diego Espiño & Diego Torrado |
-
Ouro para Gómez Noya no Ironman 70.3 de Cascais
Por Almu Dapena |
-
O dúo que forma aos herdeiros de Gómez Noya
Por Manu Otero |
-
Gómez Noya volverá competir con licenza galega no 2020
Por Manu Otero |
-
Gómez Noya queda fóra do podio do Mundial 70.3 de Niza e Dapena remata décimo quinto
Por Redacción |