O dúo que forma aos herdeiros de Gómez Noya
Por Manu Otero
O equipo de tríatlon do Centro Galego de Tecnificación Deportiva de Pontevedra inicia un novo proxecto. Unha etapa na que os deportistas máis novos e os de elite compartirán máis tempo que nunca. "É importante ter xente nova e xente consolidada. Xente que conseguiu o máis alto e xente que o está conseguindo para entre todos crear un sistema de adestramento no que uns se poidan nutrir doutros. Os veteranos, da frescura da xente nova porque é bo volver ao momento de partida deste deporte; e os líderes do tríatlon mundial serán uns referentes para os máis pequenos". Dino Carlos David Prieto e Jonathan Cancela, os novos encargados de levar á cima do mundo aos triatletas galegos.
No mes de xullo, a Federación Galega de Tríatlon nomeou director técnico a Prieto, o adestrador de Javier Gómez Noya. En setembro, co inicio do novo curso, o preparador lucense desvela as liñas mestras do seu novo proxecto. A súa man dereita será Jonathan Cancela, o adestrador encargado do grupo de tecnificación que a partir de agora será tamén responsable do adestramento do grupo de elite.
"Conseguir os obxectivos de cada atleta e mellorar o nivel do tríatlon en Galicia", é o principal reto do dúo de adestradores, sinala Prieto. Para logralo, prometen coordinación e diálogo, "que era o que faltaba antes no corpo técnico", remarca o director técnico, quen quere implicar aos triatletas no proceso de planificación dos adestramentos. "Tentaremos que coñezan de antemán os plans e os obxectivos, para que saiban ao que están a xogar. Ten que haber simbiose, comunicación e coñecemento previo do que se vai a facer", explica o adestrador as claves do éxito.
Aínda que os dezaoito triatletas compartirán moitas rutinas, cada un ten os seus propios obxectivos, dinámicas e capacidades polo que en moitas casos, en función da idade e competicións, haberá diferentes formas de traballo. Do grupo de tecnificación seguirá encargándose Jonathan Cancela, quen ve un grupo . "con moita proxección a nivel internacional, que xa demostraron que poden conseguir prazas en europeos, chegar a mundiais escolares e competir en categoría júnior sendo cadetes. Falta moitísima experiencia e bagaxe de traballo, pero a dinámica é boa e hai que tentar seguir reforzando moito ese grupo para que cheguen a sub 23 co mellor perfil posible".
Un dos principais retos para a próxima tempada pasa por "tentar que o grupo de mozos sub 23 se acábe de consolidar. Teñen moita proxección e xa demostraron que son capaces de ter resultanos a nivel internacional", proponse Cancela, que ve agora mesmo máis preparado para a competición ao equipo feminino sub 23.
Unha das que regresa a este grupo despois dunha experiencia de dous anos na Residencia Blume de Madrid é Carmen Gómez Cortés. "A expreincia non foi todo tan positiva como o que lle gustase. Pero aínda ten a inquietude de explorar os seus límites e ver ata onde pode chegar neste deporte. Imos intentar axudarlle nós tecnicamente como con grupos que apoien o seu traballo e atope o seu sitio", sinala con optimismo o seu adestrador.
Tamén será importante nesta nova etapa o papel dos campións do mundo, Gómez Noya e Dapena. "Javi será un líder deportivo no que a xente nova ten que fixarse e tomar como modelo", declara o seu adestrador. Por motivos de axenda e porque "ten uns obxectivos diferentes ao resto", a súa presenza en Pontevedra non será tan habitual como no caso de Pablo Dapena, pero "é un atleta de Pontevedra e sempre vinculado á Fegatri. El non estaba contento estando exento da Federacion. Cando un está comodo, está e cuendo non, non" explica Prieto os motivos do seu regreso a Galicia, que se fará efectivo en xaneiro do 2020.
Máis presente estará o subcampión do mundo de longa distancia. "Pablo Dapena está mais tempo en Pontevedra, ten aquí a súa base todo o ano, salvo en momentos de carreiras ou concentracións. Intentarermos crear un lugar no que á xente gústelle adestrar e estea comoda", proponse Prieto.
Aínda que a disciplina destes dous campións é innegable, o papel dos adestradores con eles segue sendo crucial. "Desde fóra vese bastante sinxelo, pero cando adquires responsabilidades sobre persoas sempre é complicado", recoñece o adestrador do mellor triatleta do mundo. "O proceso de consecución dos obxectivos ás veces queda tapado polos resultados. Ademais de guiar aos deportistas, nós temos que apoialos e clarificarlle un pouco os camiños ou simplemetne ser compañeiros de fatigas en situacións de lesións, enfermidades ou porque é un traballo físico duro", relata Prieto as súas tarefas co pentacampeón.
Cos triatletas que aínda están en formación, o trato é bastante diferente. "Cos maiores ás veces es máis o asesor do momento, que un adestrador ao uso. No grupo dos máis novos esa situación non se pode dar, non pode haber esa democracia porque non están capacitados para tomar esas decisións", contrapón Jonathan Cancela.
Outra das novidades desta nova etapa cínguese á composición dos grupos de traballo, que a partir de agora serán máis ríxidos e cunhas rutinas máis marcadas que en épocas anteriores. "Tentaremos que o grupo sexa o máis estable posible. Salvo algunha circunstancia excepcional na que algún atleta necesite incorporarse, a idea é que empecemos con este grupo e sexa un grupo estable cun lugar de adestramento definido. Estudaremos as particularidades de cada un para partir do grupo matriz", expón Carlos David, quen advirte que "non será un grupo de adestramento ao que veña cada un só cando non teña espazo para adestrar ou non teña outro grupo. É importante ter un grupo homoxéneo e estable".
Aínda así, o proceso de admisión está aínda aberto e ambos os adestradores móstranse dispostos á incorporación de novos triatletas. Tamén existen outros casos, como o de Saleta Castro, que polos seus obxectivos non está integrada no os grupos de adestramento pero si que ten acceso ás instalacións do centro.
A primeira proba na que se poderá apreciar a man dos dous novos responsables do equipo galego de tríatlon será en Pontevedra, o 12 de outubro, na primeira edición do Pro Tour. "É unha proba experimental cos formatos que están a aparecer agora, espectaculares e agresivos. Vai ser bonita e cos mellores atletas posibles a nivel nacional", admite Prieto. Con todo, a data na que se fixou a competición non é a mellor posible. "A final de tempada, a xente vén bastante castigada, é o único pero que se lle pode poñer. Demasiadas carreiras a final de ano fai que as ultimas semanas sexan bastante duras, que teñan molestias e que a ultima hora decidan non participar nunha carreira porque teñen bastante que perder", matiza o director técnico.
Do grupo do CGTD, está confirmado que tomarán a saída Antonio Serrat, Andrés Cendán e Javier Gómez Noya. "O cadro de persoal é bo, esperamos que se poida manter", agardan coa mesma ilusión coa que afrontan esta nova etapa do tríatlon galego, Prieto e Cancela, os encargados de manter a Galicia entre a elite mundial do tríatlon.
Relacionadas:
-
Jonathan Cancela completa os seus consellos para o confinamento cun plan de adestramento semanal
Por Manu Otero |
-
Gómez Noya vence no Ironman de Malaisia e consegue o billete directo para Hawaii 2020
Por Almu Dapena |
-
Javi Gómez Noya pecha a súa tempada en Malaisia co billete para o Ironman de Hawaii 2020 en xogo
Por Diego Espiño |
-
Ouro para Gómez Noya no Ironman 70.3 de Cascais
Por Almu Dapena |
-
As derradeiras prazas do Pro Tour, en xogo no Nacional da Coruña
Por Redacción |
-
Gómez Noya volverá competir con licenza galega no 2020
Por Manu Otero |
-
A Xunta promete mellores servizos para o equipo de triatlón do CGTD
Por Manu Otero |
-
O adestrador de Gómez Noya é o novo director deportivo a Federación Galega de Tríatlon
Por Manu Otero |
-
Gómez Noya, Mola, Alarza e Miriam Casillas, entre os deportistas con praza para o Pro Tour de Pontevedra
Por Redacción |