O Movistar de Pedro Campos, campión absoluto do trofeo S.M. La Reina de vela
Por Redacción
O Movistar de Pedro Campos asinou este domingo a súa primeira vitoria da tempada e fíxoo en augas de Valencia, onde disputou o Trofeo S.M. La Reina. Os representantes do Real Club Náutico de Sanxenxo proclamáronse campións absolutos da prestixiosa cita tras ofrecer un recital na auga ao facerse coa vitoria indiscutible das cinco mangas disputadas.
A tripulación do Movistar, que gañara as catro regatas nos dous días anteriores, saía este domingo a rematar a faena. E dito e feito, os representantes do Real Club Náutico de Sanxenxo saíron á auga co firme obxectivo de proclamarse campións da prestixiosa regata.
Ás 13:15 horas escoitábase o bucinazo de saída á primeira proba do día, última do Trofeo S.M. a Raíña, e rápidamente a flota soubo cales eran as intencións do Movistar. Nesta ocasión o Comité montaba un percorrido de case nove millas que o barco do Real Club Náutico de Sanxenxo completou en pouco máis de hora e media de competición, cruzando a liña de chegada con case cinco minutos de vantaxe sobre o segundo clasificado, o "Tanit IV ML". Tras eles, o muniqués "X on the Beach" de Indo Dietrich era terceiro.
"Foi un día parecido aos anteriores, quizais un pouco máis turbulento, pero nada significativo. Quizais foi o día de menos vento" explicaba Pedro Campos, quen engadía: "Foi o día que máis vantaxe sacamos porque regateamos mellor que os outros días. Segundo vas coñecendo o barco vaslle sacando máis punta. Algún dos rivais tivo problemas así que se xuntou todo, pero foi un día moi parecido aos anteriores, para ben".
Con esta nova vitoria e tan só cinco puntos no seu casilleiro, o Movistar cólgase non só o ouro da súa clase, a ORC 2, senón que se proclama campión absoluto do Trofeo S.M. La Reina xa que o barco do Real Club Náutico de Sanxenxo competiu na clase máis numerosa desta edición. Por detrás, e empatados a 20 puntos, completan o caixón de honra o "Tanit IV ML" de José María Valero e con Ignacio Campos á cana e o "Airlan Aemec" de Joan Cabrer e Teo Matheo como patrón.
TERCEIRO TRIUNFO CONSECUTIVO
Con este primeiro triunfo da tempada, Pedro Campos logra o seu terceiro ouro consecutivo en augas de Valencia e o noveno para o equipo que dirixe polo que, segundo o cuntiense, "estamos moi animados porque nesta regata, que é a primeira grande que corremos ao ano sempre, é onde ves un pouco o traballo de todo o inverno, de todo o ano en definitiva e sóbeche moito a moral o empezar tan ben, como é lóxico. Estamos moi animados".
Botando unha visual ao palmarés do equipo, esta non é a primeira ocasión na que o Movistar logra a triple vitoria xa que entre nos anos 2004, 2005 e 2006 fixo o propio. A partir de aí, o Movistar volvería subirse todo o máis alto do podio en 2008 e, nesa ocasión, faríao por partida dobre tras vencer na división 570 e en Platú 25. Ao ano seguinte, en 2009, Campos repetiría triunfo e desde 2011 a tripulación do Real Club Náutico de Sanxenxo colgouse o ouro en todas e cada unha das edicións disputadas.