Sanxenxo réndese ao espectáculo das traíñas cunha regata na que Tirán acaba sétima
Por Redacción
Centos de afeccionados ao remo gozaron este sábado en Sanxenxo do espectáculo da Liga San Miguel ACT de traíñas. Fixérono baixo unha calor sofocante, unhas condicións climáticas que non impediron que as doce embarcacións participantes desen o mellor de si para levantar a I Bandeira Nauta Sanxenxo. Pero só unha conseguiuno, os vascos de Kaiku Ambilamp, que fixeron valer o seu papel de favoritos.
A praia de Silgar, abarrotada de xente, foi espectadora privilexiada dunha proba que se celebraba entre o Porto Deportivo Juan Carlos I e Punta Vicaño. Nese escenario Kaiku reforzou o seu primeiro posto na Liga San Miguel ACT cunha nova vitoria, un triunfo que ante o acoso de Orio non viu claro ata o último longo. Venceu aos donostiarras por apenas tres segundos de diferenza.
Con esa batalla Kaiku-Orio ata o final, a tanda de honra apenas reservou protagonismo ás outras dúas embarcacións: Urdaibai situábase a seis segundos e Tirán quedou moi afastada desde o primeiro longo, concluíndo a vinte segundos dos vencedores. Foi unha mala tarde da tripulación galega, prexudicada no seu rendemento pola rúa un. Finalizaron en sétima posición tras ser superados por tres embarcacións que disputaron a segunda tanda.
Foron San Juan, San Pedro e Hondarribia. As dúas primeiras ofreceron un duelo apaixonante. Marcaron tempos parellos na primeira e segunda virada, pero a igualdade rompeuse no terceiro longo cando San Juan, comezou a cimentar a súa vantaxe. Nada puido facer Portugalete. Na primeira tanda, que foi na que houbo máis vento, Astillero foi desde o primeiro longo moi superior ás outras tres embarcacións: Castreña, Pedreña e Zumaia.
Con este resultado, Tirán Pedreira, a única embarcación galega da Liga San Miguel ACT, quédase quinta na clasificación xeral con 29 puntos. Supéralle San Pedro que suma 31. Os tres primeiros postos seguen sendo para Kaiku (45 puntos), Orio (43) e Urdaibai (40). Aínda que as cousas poden cambiar este domingo en Moaña. Dispútase alí a quinta regata da tempada.