Marín estrea modalidade deportiva, os saltos de trampolín
Por Redacción
Marín é pioneira en Galicia desde esta semana na práctica dunha modalidade deportiva que ata o de agora contaba con nulo arraigamento, os saltos de trampolín.
O Club Saltos de Trampolín Marín iniciou na Escola Naval Militar os adestramentos da súa escola, incluída dentro das escolas deportivas municipais en colaboración coa Federación Galega de Natación, coa presenza de 17 mozos e mozas deportistas.
A piscina da instalación militar conta con dous trampolíns de saltos aptos para os adestramentos, un de catro metros e medio e outro de seis metros e medio. Unhas instalacións preparadas pois para achegar un deporte descoñecido ata a data.
Na actualidade, só Madrid, Barcelona, Mallorca e Canarias ofrecían a posibilidade de adestrar e competir de maneira federada nesta disciplina olímpica.
A escola nace baixo a coordinación de Pablo Hinojar, adestrador de ampla experiencia na ximnasia acrobática dentro do equipo nacional da especialidade.
Aínda que se trata só do seu primeiro ano, o Club Saltos de Trampolín Marín aspira a consolidarse entre a oferta deportiva do municipio co obxectivo a medio prazo de desenvolver un programa de competición.
Polo momento, adestrarán dous días por semana na Escola Naval, os martes e xoves de 17:15 a 18:15 horas.