As promesas do bádminton do CGTD inician o asalto ao Europeo sub 17
Por Redacción
As promesas do bádminton que se están formando no Centro Galego de Tecnificación deportiva de Pontevedra inician este venres a súa andaina no Campionato de Europa sub 17 que se celebra esta fin de semana na localidade polaca de Gniezno. Lucía Rodríguez, Ania Setién e Jacobo Fernández forman parte do equipo nacional que se enfrontará a Noruega, Francia, Hungría e Austria nun dos grupos máis potentes do torneo.
Ademais de competir contra os rivais máis duros do evento, o calendario tampouco favorece aos volantistas galegos, posto que o sábado terán que disputar dous partidos contra os rivais máis complicados: Francia e Hungría. Aínda así, o conxunto español parte coa ilusión de dar a sorpresa #ante o combinado galo. Ademais confían en conseguir os puntos en categoría feminina, tanto individual como dobre e mixto.
A competición por equipos disputarase ata o 3 de setembro, día no que comezará a competición individual, que se prolongará ata o día 7.
Nesta competición individual, os tres representantes do bádminton galego parten entre os dez cabezas de serie.