O Pontevedra perde a Álex González por lesión
Por Manu Otero
Continúa a mala sorte do Pontevedra coas lesións esta pretemporada. Ás baixas de Javi López, Pol Bueso e Javi Pazos, apartados da dinámica do grupo por doenzas musculares, súmase agora Álex González. O extremo cántabro sufriu unha aparatosa caída no último partido contra o Atios na que se danou a uñeca dereita.
As probas médicas que lle practicaron a principios desta semana confirmaron unha fractura do escafoides carpiano en terzo medio. Unha lesión pola que terá que pasar polo quirófano e que lle obrigará a ter a man inmobilizada durante unhas semanas para iniciar daquela un tratamento de rehabilitación. A duración do tratamento será duns tres meses, aínda que a baixa deportiva dependerá da evolución da lesión.
É segura a súa baixa para os próximos partidos amigables que xogará o Pontevedra contra o Xuvenil Ponteareas do sábado, Racing Vilalbés, o domingo; Mondariz, o xoves 15; Vilalonga, o venres 16; e Arousa, o domingo 18. Tampouco é segura a súa dispoñibilidade para os primeiros partidos de liga, aínda que o xogador podería facer uso dalgún tipo de protección que lle permitiría acurtar os prazos para regresar ás convocatorias.
A pesar do pau que supón ter que parar agora, no medio da preparación da tempada, González móstrase optimista. "Podría haber sido peor si fuese en una pierna y todavía quedan tres semanas para empezar la liga, pero es una pena porque me estaba encontrando bien y estaba teniendo minutos", lamenta o xogador.
Un poco de Chapa y Pintura y como nuevo! Gracias por los ánimos! https://t.co/BMwgwUi6gd
— Álex González (@Alexgm07) August 6, 2019
A fractura produciuse tras un choque durante o último partido amigable fronte ao Atios. "Caí con todo el peso sobre la muñeca, crei que era solo un esguince pero al día siguiente tenía la muñeca casi inmovilizada y con mucho dolor", lembra o cántabro.
Con todo, confía en que o prazo para regresar aos terreos de xogo sexa inferior a tres meses."Creo que será algo menos, pero a ver cómo sale la operación", explica con cautela o extremo, que aínda non sabe cando se someterá á cirurxía.