Dous golazos de Santi Domínguez dan a vitoria ao Pontevedra sobre o Celta B nun gran partido
Por Ramiro Espiño
Cando máis difícil o tiña, cando as ausencias por lesións e molestias obrigaban a cambios no once titular, cando visitaba Pasarón un dos dous únicos equipos invictos do que levamos de liga e que ademais chegaba enrachado con seis vitorias consecutivas, xurdiu o mellor Pontevedra, capaz de sobrepoñerse a prognósticos que o presentaban como vítima propiciatoria e a un comezo irresistible dos célticos que se fixeron donos do balón e parecían levar o partido a unha mera cuestión de tempo, o que tardase o cántaro en romperse de tanto ir á fonte da área local.
Cun centro do campo improvisado ante o arrefriado de Moisés, cunha parella de centrais inédita e con pouca experiencia, obrigada pola lesión de Sestelo, pero cos dentes apertados, os granates souberon sufrir, facendo da necesidade virtude e deixaron que o Celta manexase a pelota e o tempo do partido, pero unicamente no espazo anterior aos últimos 40 metros próximos á súa portaría.
E nesas estabamos, con dominio visitante pero comodidade para un reaparecido LLoves sen traballo e sen que o Pontevedra pisase aínda a área celeste, cando un córner botado polo Celta dá lugar a unha contra fulminante. Iníciaa Iago Paz cunha manobra espectacular. A súa condución polo carril central transfórmase nun tres para tres. Ve a chegada de Santi Domínguez e cédelle o balón. A prudencia e a lóxica aconsellaban a apertura aproveitando a incorporación en velocidade de Fran Fandiño, pero os grandes goleadores, cando ven porta e ulen o perigo son de todo menos lóxicos. Santi non llo pensa e solta un zapatazo que se coa cruzado xunto ao poste. Ían 21 minuto; golazo e sorprendente 1-0 para o que estabamos a ver.
Reacciona o Celta ferido no seu orgullo. Os visitantes xeran xogo e ocasións, pero o seu desacerto, especialmente de Camochu, na área estraga todo o bo realizado antes. Precisamente Camochu manda ás nubes, dende o punto de penalti un gran centro de Levy (minuto 27). Peor aínda sería a de Rubén Martínez, que se encontra un balón colgado ao segundo pau e coa portaría baleira a manda fóra ao lanzarse de cabeza en prancha.
O gol do empate provisional do Celta chegou no desconto da primeira parte
Aquilo levaba camiño de irse ao descanso ata que chega o habitual regaliño que non podía faltar nin sequera nun bo partido como este. Pasaban do minuto 45 e o Pontevedra intenta unha xogada de ataque con risco. Perda de balón e rápida apertura de Levy cara a David Añón que lle deixa nun man a man con Adrián. O recorte do dianteiro é bo, pero LLoves pon bastante da súa parte ao deixar que o balón se coe entre as súas mans. O porteiro recoñecería o seu erro ao finalizar o partido, pero queixábase do mal estado de moitos dos balóns cos que teñen que traballar cada día e mesmo nos partidos.
A segunda parte sería outra historia ben diferente e para mellor. O Celta saíu intentando manter o seu dominio, pero pronto se vió que o Pontevedra era máis incisivo. Os celestes mantiñan o dominio territorial, pero agora as mellores ocasións eran para o conxunto granate. Iso si, a primeira estivo novamente nas botas dun desacertado Camochu (minuto 60), que manda un gran centro de Maceira ao segundo anfiteatro. Un minuto máis tarde Tubo pon a proba os reflexos de Rubén Blanco e no minuto 68 Cristóbal Juncal estrela o seu lanzamento dende a frontal no poste esquerdo da meta viguesa, con Rubén Blanco seguindo o coiro coa mirada.
Crecía o Pontevedra que comezaba a crelo, na mesma medida que o Celta acusaba claramente o esforzo, ata que chegou o minuto 71. Adrián Gómez decídese a subir a banda, recibe un balón que leva ata o lateral da área e pon un centro medido que encontra a cabeza de Santi Domínguez nun salto espectacular, anticipándose ao seu marcador Víctor Vázquez e poñendo o balón na mesma cepa do poste, ante un Rubén Blanco que nin tivo tempo nin reflexos para moverse ata que foi a recoller o balón ao fondo da portaría.
Tocaba defender. Os granates lograron sacar o seu rival do xogo natural de toque deixándolle como única opción o fútbol directo ben resolto pola defensa local. Pero defender non significa renunciar ao ataque. Non o fixo o Pontevedra e primeiro Stefan e logo Jacobo tiveron nas súas botas a sentenza.
LLoves resolve con seguridade os intentos célticos nos últimos minutos
Os últimos minutos foron de acoso e derrubamento, pero LLoves desquitouse do seu erro no gol e mandou a corner os remates de David Añón e de Benja, xa no desconto, logrando que os puntos quedasen na casa ante a ovación dunha afección satisfeita, que recoñeceu premiando cunha pechada ovación o esforzo do seu equipo.
PONTEVEDRA, C.F.: LLoves (2); Adrián Gómez (2), Yago Vázquez (2), Pablo (2), Cristóbal Juncal (2); Fran Fandiño (1), Iago Paz (2), Jacobo (2), Tubo (1); Santi Domínguez (3) e Stefan (2).
Substitucións: Moisés (2) por Fran Fandiño, min. 56. Pacheco (1) por Jacobo, min. 82 e Buba (s.c.) por Santi Domínguez, min. 93.
R.C. CELTA DE VIGO "B": Rubén Blanco (1); Jonny (2), Víctor Vázquez (2), Sergio Maestre (1), Maceira (3); David Añón (2), Levy (2), Borja (2), Rubén Martínez (1); Félix (1) e Camochu (1).
Substitucións: Marcos Torres (1) por Rubén Martínez, min. 65. Fidi (1) por Sergio Maestre, min. 77 e Benja (1) por Félix, min. 77.
Árbitro: Cives Enojo, auxiliado nas bandas por Alberto Calvo e Marcos Odóniz (A Coruña). Amoestou a Iago Paz, Sergio Maestre, Borja e Fidi.
Goles: (1-0) Minuto 21: Gran disparo cruzado de Santi Domínguez dende a frontal, en contraataque levado por Iago Paz. (1-1) Minuto 45: Cambio de orientación de Levy para David Añón, quen recorta a Adrián Gómez e dispara coándose o balón entre as mans de Lloves. (2-1) Minuto 71: Excelente centro de Adrián Gómez que remata de cabeza de forma espectacular Santi Domínguez, anticipándose a Víctor Vázquez e picando o balón á base do poste.
Incidencias: Campo Municipal de Pasarón. Preto de dous mil afeccionados.
VESTIARIOS:
MILO: O técnico granate estaba visiblemente satisfeito coa vitoria e o traballo realizado polos seus xogadores: "Estivemos moi ben nos primeiros 25 minutos. Optamos por xogar un pouco máis práctico para non cometer os erros de anteriores partidos e conseguimos non lles dar opcións. ÿ verdade que logo eles tiveron tres ou catro boas ocasións, pero tamén nós na segunda parte melloramos en ataque e chegamos con bastante perigo".
O adestrador pontevedrés insistiu na importancia de corrixir as perdas de balón que tantos desgustos estaban a custar ao equipo: "Fomos máis serios. Dende o banco comentaba como eles, que son un filial dun equipo de primeira división, non tiñan reparos en afastar o balón con contundencia e sen complicarse, así que nós debiamos facer o mesmo,".
Tamén valorou Milo as ausencias obrigadas do seu equipo: Sestelo dixo que non podía, que non estaba ben e saíu Yago, que cumpriu sobradamente. Posiblemente déanos algo menos de saída de balón, pero tamén nos achega menor risco, xa que non se complica a vida,".
Finalmente, o técnico granate valoraba o excelente segundo tempo do seu equipo: "Eles pagaron na segunda parte o esforzo da primeira, pero é que nós os obrigamos moito. De Santi só podo dicir que foi o que esperamos sempre e o que sabemos pode ser e o labor de Stefan na presión foi enorme, pero por riba de todo quero destacar o traballo fenomenal de todo o equipo".