As perdas de balón en ataque condenan un desacertado Teucro en Zarautz
Por Redacción
Aínda que se trata dun equipo recén ascendido, o Amenabar Zarautz volveu demostrar o complicado que será gañarlle no seu feudo. Con xogadores que levan moito tempo actuando xuntos e teñen perfectamente asimilada a sistemática de xogo, o único xeito de facerlles dano é non cometer erros que lle permitan empregar unha das súas mellores armas: o contraataque. O Teucro non o fixo e pagouno cunha clara derrota (27-22), despois dun partido no que os de Javier Barrios non estiveron á altura das dúas xornadas anteriores.
Demasiadas perdas de balón en ataque que daban lugar a rápidas saídas á contra do cadro guipuscoano, dificultade para salvar a férrea defensa local en ataque posicional e un mal día no aspecto defensivo condenaron a un Teucro que non deu a sensación en ningún momento de poder meterse no partido e facer perigar a vitoria local.
Os algarismos finais falan por si sós. Con 22 goles anotados e tendo en conta que entre os dous laterais esquerdos teucristas lograron un só gol, é practicamente imposible ter opcións de vitoria, salvo que se realice unha magnífica defensa, cousa que tampouco sucedeu e como consecuencia unha derrota dolorosa pero xusta que se fraguou nos primeiros compases do partido, cando o equipo vasco logrou unha renda de cinco goles que soubo ir mantendo.
O Teucro chegou a poñerse a só dous goles a falta de dez minutos para o final, pero neses dez minutos unicamente conseguiría anotar dous novos tantos acumulando novamente perdas de balón que serviron ao Amenabar para chegar ao final con certa comodidade.
AMENABAR ZARAUTZ (27): Míkel; Aitor, Josu, Iarmendi, David (8), Juan, Erik (11), Algorke, Armendía (1), Josetxu (3), García (1), Ión Alzeca (3) e Gorka (p.s.).
S.D. TEUCRO (22): Juan Bar; Aarón, Carlos Pombo, Toño Fernández, Alejandro Pombo (2), David Chapela (1), Porto (1), Moreira (1), Rial (3), Villar (10), Borja Fernández (3), Siscu (1), Sío e Gonzalo (p.s.).
Árbitros: Luciano Adrián Bruna e Sergi Melús Rodríguez (Cataluña). Excluíron por dous minutos a Aitor, Algorke, Tomás (2) e Rial.
Marcador (cada cinco minutos): 2-0, 5-1, 9-4, 12-7, 13-9, 14-9 (descanso), 17-13, 20-15, 20-17, 22-20, 24-20 e 27-22 (final).
Incidencias: Polideportivo Aritzbatalde. Algo máis de duascentas persoas.