O Europeo Júnior de Loitas Olímpicas "debe ser o inicio do enamoramento de Pontevedra coa loita"
![Diego](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/5df/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/570532d2ea-20160329-patxot-diego-espino-1009.jpg)
Por Diego Espiño
![](/web/cache/scene/uploads/fotos/foto/1ef/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjK0UipKLc6sStUxMjDQSU_/_7NK0kt0inJL1CyrgUA_/5cee753eaa-20190529-patxot-campeonato-lucha-0484.jpg)
© Mónica Patxot
![](/web/cache/scene/uploads/fotos/foto/7cf/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjKxUipKLc6sStUxMjDQSU_/_7NK0kt0snNTEnJSVWyrgUA_/5cee758930-20190529-patxot-campeonato-lucha-0469.jpg)
© Mónica Patxot
Superado con éxito e deixando un gran sabor de boca os mundiais multideporte de tríatlon, Pontevedra mira xa cara á súa próxima gran competición deportiva, e é que sen apenas descanso chega o Campionato de Europa Júnior de Loitas Olímpicas.
O Centro Galego de Tecnificación Deportiva acolleu este mércores a presentación dun evento que contará, entre o 3 e o 9 de xuño, con deportistas de 37 países (30 deles españois con 3 galegos), competindo todos eles pola gloria continental nos tres tapices elevados (máis dous de quecemento nunha carpa exterior) que se instalarán no Pavillón Municipal dos Deportes.
Ao acto acudiron o secretario xeral para o Deporte da Xunta de Galicia, José Ramón Lete, o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, a deputada provincial de deportes, Chelo Besada, ademais do director técnico da competición e responsable da Federación Galega, Pablo Pintos, e dúas dos deportistas galegos clasificados, Nerea Pampín e Santiago Sánchez, arroupados polos seus compañeiros do equipo galego bolseiros no CGTD.
"Este campionato debe ser o inicio dun enamoramento de Pontevedra coa loita olímpica", sinalou na súa intervención o alcalde, que apostou por traballar para lograr que a cidade siga acollendo grandes eventos deportivos de trascendencia internacional durante os próximos anos.
Pola súa banda José Ramón Lete lembrou que será a competición de loita máis importante das organizadas en España "desde los Juegos Olímpicos de Barcelona".
O Europeo Júnior de Loitas Olímpicas dividirase en tres modalidades, con 10 pesos en cada unha delas: Loita grecorromana (3, 4 e 5 de xuño), loita feminina (5, 6 e 7 de xuño) e loita libre olímpica (7, 8 e 9 de xuño), todo iso en dobres xornadas que irán aproximadamente desde as 11:30 a 14:30 horas polas mañás e de 17:30 a 20:30 horas polas tardes coa disputa das diferentes finais.
En total, entre deportistas, técnicos e árbitros, a organización conta con congregar no Municipal pontevedrés preto dun milleiro de persoas, sendo un dos principais obxectivos dos deportistas lograr unha das 8 prazas por peso que supoñen a clasificación para o próximo Mundial Júnior de Estonia.
A entrada para o público en todas e cada unha das xornadas de competición será de balde.