Combarro acolle os días 22 e 23 de xuño a II Regata Ence Ría de Pontevedra
Por Redacción
O Club Náutico de Combarro acollerá o próximo fin de semana, os días 22 e 23 de xuño, a segunda edición da Regata Ence Ría de Pontevedra de cruceiros, que espera reunir a unha trintena de embarcacións.
A regata realizará unha ruta pola Ría de Pontevedra con saída e chegada nas instalacións do Náutico, polo que os responsables quixeron mandar mensaxes para incentivar a presenza de afeccionados aos deportes náuticos, segundo destacou Manuel Martínez: "en Combarro temos unhas instalacións idóneas para achegar as regatas ao público".
Na presentación da competición estaba tamén presente o director de Ence, Antonio Casal, quen se mostrou implicado na celebración deste tipo de eventos: "ogallá sirva para que vos veleiros dean un bo espectáculo e para demostrar que se traballamos todos xuntos podemos atraer turismo á ría".
Nesta edición a regata, na que poden participar cruceiros dun só casco con eslora superior a 6,49 metros, ábrese ademais á Clase Open, tendo un horario de 16:00 a 20:00 horas o sábado e o domingo de 12:30 a 17:00 horas.
BAUTISMO EN VELA ADAPTADA
Un día antes da competición oficial, o venres 21 de xuño, a organización formulou a realización dunha actividade de iniciación á vela adaptada para "achegar o mar a persoas con minusvalidez ou mobilidade reducida", dirixida a usuarios dos socios da asociación Amizade e de Amencer-Aspace.