Ígor de Souza de visita en Pontevedra recordando os seus tempos de granate
Por Ramiro Espiño
Moitos afeccionados recordarán aínda os seus dous goles naquel memorable partido do Carlos Tartiere, fronte ao Oviedo, especialmente o segundo que daba a vitoria a un Pontevedra naquel momento con só 8 xogadores no campo. Ígor de Souza, o dianteiro brasileiro que formou unha das liñas ofensivas tan queridas e recordadas nos últimos tempos polos afeccionados granates, como temidas polos seus rivais, visitou a cidade para pasar o fin de semana cuns amigos e recordar os seus tempos de xogador granate, formando un trío temible co seu irmán Yuri e o seu primo Charles.
Tras finalizar a tempada e o contrato que lle ligaba á U.D. Salamanca, PontevedraViva encontrouse o maior dos De Souza nas rúas da zona vella pontevedresa. O dianteiro quixo mandar un saúdo a toda a afección granate, co desexo de que o Pontevedra consiga saír pronto do pozo en que caeu: "Ogallá o Pontevedra volva estar onde merece o equipo e a afección. Espero que cambien as cousas e que veña xente que saiba levar o club adiante. Teño moitos amigos e grandes recordos do meu paso polo Pontevedra e espero volver pronto co meu irmán e o meu primo, cando rematen a liga, a ver se celebramos o ascenso dos dous a Primeira División,".
Ígor estará moi pendente do que suceda na xornada do sábado. A Ponferradina de Yuri aspira a disputar a promoción, mentres a Almería de Charles busca o ascenso directo en Villarreal. Os dous menores da familia están a realizar unha gran tempada: "Están que se saen -dixo Ígor-, tremendos. Todos nos acordamos moito de Pontevedra. Aquí pasamos moi bos momentos, temos grandes amigos e é un pracer volver. Quero mandar un abrazo a toda a afección do Pontevedra e moito ánimo".