Un gol de Adrián Cruz no 89 deixa sen recompensa ao Pontevedra ante o Burgos (1-1)
Por Diego Espiño & Diego Torrado
Outra vez o fatídico último minuto castiga ao Pontevedra. De novo, como hai unha semanas ante o Internacional, un gol no 89 deixou co mel nos beizos ao Pontevedra e fíxolle perder dous valiosos puntos que lle fan afastarse dos postos de play- off de ascenso. De nada valeu o esforzo previo e a solidez mostrada durante os 88 minutos previos, xa que o gol de Adrián Cruz sobre a hora supón todo un pau para os seus intereses.
Saíron con ganas os granates, querendo a posesión do balón cunha disposición 4-1-4-1 con Berrocal por diante da defensa, Kevin e Romay máis avanzados, Álex González e Pibe nos costados e Arruabarrena en punta como referencia ofensiva. Por contra os visitantes platexaban un férreo 4-4-2 coas liñas moi xuntas buscando dificultar a circulación pontevedresa.
A pesar desa oposición, e aproveitando unha notable melloría nas condicións do terreo de xogo de Pasarón, os de Luismi fixéronse co dominio e pronto gozaron dunha boa ocasión. Transcorreran só cinco minutos cando Kevin combinou con Nacho López, gañou liña de fondo e puxo un centro raso ao momento de penalti que rematou en semifallo Álex coa súa perna menos boa, a dereita, facilitando a tarefa de Mikel Saizar en portería.
Era o primeiro aviso. O Burgos apenas pisaba campo contrario e só se achegaba á meta defendida por Edu nunha falta lateral que obrigaba tras unha segunda acción a intervir ao porteiro. Así, aínda que custaba, chegaba algunha xogada máis de perigo como un bo centro de David Castro que Arruabarrena rematou de cabeza demasiado centrado.
Con todo a medida que pasaban os minutos o empuxe inicial dos de Luismi baixaba, e con oficio o cadro burgalés empezaba a levar o partido ao seu terreo, a unha confrontación lonxe das áreas, na medular, onde cada balón dividido volvíase unha batalla. Era o que buscaba Fernando Estévez para os seus e conseguiuno. O resultado, apenas pasou nada máis de relevancia ata o descanso, salvo un disparo afastado de Pibe que se marchou fóra mentres os visitantes esperaban unha acción illada para golpear, atopándose en todo caso o bo facer defensivo do Pontevedra.
O guión do inicio repetiuse ao regreso dos vestiarios, a diferenza estivo esta vez en que os granates acertaron na súa primeira aproximación grazas a unha xogada de estratexia executada á perfección. Pibe sacou desde o costado zurdo un córner tenso e raso á frontal, para o aclarado que os seus compañeiros realizáronlle a un Álex González que entrou con todo conectando e potente disparo coa súa perna esquerda que se coou pola escuadra pese ao esforzo de Saizar, que chegou a tocar.
O tanto obrigaba ao Burgos a dar un paso adiante, e o primeiro que fixo o seu técnico foi dar entrada ao dianteiro Diego Cervero, pretendido o pasado verán en Pasarón. Todo iso provocou que se estirasen os visitantes, aínda que máis por forza que por ideas, deixando maior espazo para as transicións rápidas dos granates en busca da sentenza.
Aos burgaleses custáballes crear perigo, e daba a sensación de que estaba máis preto o 2-0 que o 1-1. Era unha sensación traducida en achegamentos pero non en ocasións claras mentres os minutos avanzaban sen excesivo sufrimento, máis aló da incerteza polo apertado do resultado e porque todo seguía no aire.
Luismi quixo entón asegurar o resultado e dotou de músculo ao equipo coa entrada de Álex Fernández por Romay no centro do campo, ademais da substitución obrigada de Adrián León por Campillo por problemas musculares do central.
O tempo consumíase sen que o Burgos conseguise facer dano, ata que chegou o minuto 89, nunha xogada illada, cun lanzamento potente pero moi afastado de Adrián Cruz que sorprendeu a Edu. O canteirán granate, agora nas filas do rival, pedía perdón á que foi a súa afección, o que non evitaba que voasen dous puntos da maneira máis dolorosa posible. Puido aínda á heroica chegar o 2-1 no desconto, pero Berrocal non acertou nun centro ao momento de penalti. Tocará, como ante o Celta B, recuperar fóra o que se perdeu na casa.
PONTEVEDRA CF (1): Edu, Nacho López, David Castro, Churre, Adrián León (Campillo, min.78), Kevin Presa, Álex González, Romay (Álex Fernández, min.71), Berrocal, Pibe, Arruabarrena (Javi Pazos, min.66).
BURGOS CF (1): Saizar, Andrés, Kevin García, Julio Rico, Undabarrena, Jagoba, Goti (Yaw Annor, min.65), Adrián Cruz, Mayor, Borja Sánchez (Fer Ruíz, min.77), Madrazo (Diego Cervero, min.57).
Árbitro: Pablo Fernández Pérez, auxiliado nas bandas por Eduardo Suero e Luis José López (Asturias). Amoestaron a Madrazo e Kevin García no Burgos.
Goles: 1-0 Álex González (min.50), 1-1 Adrián Cruz (min.89)
Incidencias: Partido da xornada 28 de liga na Segunda División B disputado no Estadio Municipal de Pasarón ante ao redor de 3.000 espectadores.
Relacionadas:
-
Derrota vergoñosa dun Pontevedra sen capacidade de reacción en Salamanca (3-0)
Por Redacción |
-
O Pontevedra quere recuperar corda nun escenario histórico, o Helmántico de Salamanca
Por Diego Espiño |
-
Luismi bota contas para estar no play-off
Por Diego Espiño |
-
Adrián León estará "de 7 a 15 días" de baixa
Por Diego Espiño |
-
Os comuneiros de Verducido aproban "por unanimidade" ceder terreos para a cidade deportiva do Pontevedra
Por Diego Espiño |
-
O Pontevedra non se fía dun necesitado Burgos
Por Diego Espiño |
-
Os "Amigos do Pontevedra C. F." non fallan a súa "xuntanza" anual
Por Ramiro Espiño |
-
Descartan que Álvaro Bustos sufra unha rotura muscular
Por Diego Espiño |