Alberto Argibay disposto a dar un paso á fronte e asumir as rendas do Pontevedra
Por Ramiro Espiño
O relevo na presidencia do Consello de Administración do Pontevedra C.F. podería estar moi próximo e provocar tamén un cambio da totalidade dos seus integrantes. Segundo puido saber PontevedraViva, que fose adestrador do primeiro equipo e accionista da sociedade, Alberto Argibay, ten ultimado un proxecto deportivo e institucional apoiado nun equipo de traballo propio, encamiñado a asumir o control do club coa intención de sacalo do abismo depórtivo e social no que está inmerso.
O devandito proxecto, que xa foi posto en coñecemento dalgúns dos accionistas maioritarios, conta co beneplácito dun grupo importante de afeccionados e accionistas da entidade granate, que, pendentes de atar algúns flocos, terían garantido o seu respaldo ao mesmo Argibay.
Ademais, Alberto Argibay ten xa moi avanzado o equipo que o acompañaría na aventura, no que se encontran persoas coñecidas do mundo futbolístico, e mesmo algún ex-xogador de elite que apoiará o proxecto aínda sen incorporarse ao Consello.
A intención de Argibay é dar a coñecer todos os datos aos afeccionados e público en xeral, nun acto previsto para o próximo día 18 de xuño.
De conseguir un respaldo social importante, Argibay pretende conseguir as rendas do club a moi curto prazo.
Recordemos que o ex-adestrador se significou nas dúas últimas xuntas de accionistas pola súa postura crítica coa xestión do actual Consello de Administración e moi especialmente do seu Presidente, Mauricio Rodríguez.