As seleccións comarcais Sub-12 de Pontevedra, campioas galegas
Por Redacción
Gran xornada para as seleccións de Pontevedra de fútbol Sub-12 na fase final do Campionato Galego de Seleccións Comarcais da categoría, celebrado o pasado martes 5 de marzo no campo do Carballo en Atios, O Porriño.
Os dous equipos pontevedreses, tanto feminino como masculino, fixéronse co título autonómico superando á mala climatoloxía da xornada, con choiva e vento especialmente en horario de tarde.
Na semifinal feminina, Pontevedra derrotou cun contundente 5-0 a Lugo con tres goles de Minerva Riveira e outros de Lucía Rivas e Sofía Gonçalves. Xa na final esperaba A Coruña, e de novo Minerva foi protagonista anotando dous goles, os mesmos que Lucía Rivas, para un marcador de 4-0.
Pola súa banda na categoría masculina Pontevedra protagonizou unha emocionante semifinal ante A Coruña que acabou cun apertado 3-2, con tres goles decisivos de Alexandre Fraga. En canto á pelexa polo título, Andrés Antañón puxo a Vigo por diante no marcador, pero os pontevedreses reaccionaron na segunda metade. Alexandre Fraga empatou desde o punto de penalti e Roi Rodríguez e Alejandro Lariño completaron a remontada.