O 15 de xuño desenvólvese a carreira popular nocturna 5+5 Pontenoite: para correr 10 mil ou 5 mil metros
Por Diego Espiño
A falta de pouco máis dunha semana para a súa estrea, a primeira edición da primeira carreira popular nocturna '5 +5 Pontenoite', organizada pola Sociedad Gimnástica, fixo público o percorrido dunha proba que transcorrerá por boa parte da zona urbana de Pontevedra.
A cita, terceira do Circuíto de Carreiras Populares (CCCP), celebrarase o próximo sábado 15 de xuño dende as 21:30 da noite, esperando contar coa presenza de centos de atletas nas diferentes categorías, pois se habilitaron probas para nenos.
O concepto da '5 +5 Pontenoite' pasa por dúas opcións, unha proba de 5.000 metros e outra de 10.000, esta última puntuable para o Circuíto de Carreiras, que comparten o mesmo percorrido.
A saída e chegada estarán instaladas na Praza de España, dende onde se partirá para pasar por lugares emblemáticos como a Peregrina, Praza da Leña, Praza da Verdura, Valentín García Escudero, Alameda, ou a Praza de San Xosé. Segundo o director técnico da Gimnástica, Pablo Díaz, trátase dun circuíto moi chairo co maior desnivel na zona de Arcebispo Malvar, moi preto da meta.
Para inscribirse os interesados deben consultar as bases na web www.championchipnorte.com. O custo, para os que non se apuntasen ao CCCP, ascende a 10 euros para os atletas júnior, sénior e veteranos na distancia de 10.000 metros, sendo a metade nos 5.000 e gratuíta para os desempregados. Segundo manifestaron os representantes da Gimnástica durante a presentación da proba, esta opción axuda a que se incremente a participación feminina. Polo momento xa hai inscritos 300 participantes e os organizadores agardan chegar ata o milleiro.
RECOLLIDA DE ALIMENTOS
A organización aproveitará o evento para poñer en marcha unha recollida solidaria de alimentos non perecedoiros, polo que solicitan a implicación de todos os participantes.
Ademais, haberá probas para os máis pequenos que poderán inscribirse entre as 6 e as 8 da tarde na Praza de España. Ás 8:30 do serán van iniciarse estas actividades coa proba "Chupetes" na que correrán os menores de tres anos acompañados polos seus pais.
Os organizadores aseguran que será unha proba da que gozarán tanto os deportistas como o público que a observe transcorrendo pola cidade durante o anoitecer do sábado 15.