Ambición no Pontevedra ante a visita do Real Madrid Castilla
Por Diego Espiño
O ano 2019 iniciase este domingo (18:30 horas) para o Pontevedra coa visita ao Estadio Municipal de Pasarón do Real Madrid Castilla, nun choque que os granates afrontan con ambición.
Os homes dirixidos por Luismi queren empezar o ano cun triunfo que lles faga pechar a primeira volta do campionato en postos de play-off, e permítalles así dar caza a un filial madridista que marcha no terceiro posto con 3 puntos máis.
"Sabemos que es un partido importante", recoñece o técnico, que apela a tentar "tener el control" do xogo para neutralizar as armas ofensivas do Castilla, un conxunto con moitas posibilidades a nivel ofensivo pero que "sufre si eres capaz de hacer transiciones rápidas", analiza Luismi, quen ademais ve "un problema menos" na ausencia do mediático Vinicius, consolidado xa no primeiro equipo.
O lesionado Javi López será a única baixa granate, e o preparador pontevedrés deberá realizar dous descartes para completar a convocatoria, sendo un deles previsiblemente Álex Fernández ao estar aínda falto de ritmo de competición.
O filial pola súa banda comparecerá en Pasarón en boa situación pero con resultados máis discretos a domicilio, onde non gaña desde o 7 de outubro en Valladolid. Ademais presentarase sen o defensor De la Fuente e o atacante De Frutos, ambos os dous sancionados.
As entradas para presenciar o choque terán un custo de 25 euros en Tribuna, 15 en Preferencia e 12 nos fondos, sendo gratis para os menores de 14 anos, e o colexiado designado para o encontro é o cántabro José Alberto Pardeiro Ponte.
ABONOS PARA A SEGUNDA VOLTA
Por outra banda o Pontevedra deu a coñecer o prezo dos abonos para a segunda metade da competición, nos que aínda non se inclúe a xornada deste domingo ante o Castilla. Estes prezos, para os socios sénior, sofren unha lixeira rebaixa con respecto ao comezo de curso quedando nos 155 euros en Tribuna, 105 euros en Preferencia, 65 euros en Norte e 55 euros en Sur. Completan a campaña as categorías de xubilado (100-80-55-50), bonificado (90-60-55-50), peñas (60 euros), xuvenil (50-55-40-40) e infantil (30-30-25-25).