Pontevedra inaugura a tempada de atletismo en pista
Por Redacción
Cando aínda se están disputando as últimas competicións da tempada invernal, Pontevedra estreará xa o calendario de atletismo en pista ao aire libre.
Farao co Torneo de Reis organizado polo Club Atletismo Rías Baixas co apoio da Federación Galega de Atletismo e que desbordou todas as previsións de participación.
As instalacións do Centro Galego de Tecnificación Deportiva acollerán o vindeiro sábado 5 de xaneiro unha competición que conta con preto de 800 deportistas inscritos.
Entre eles aparecen nomes destacados como a campioa nacional de xavelina, Lida Parada, a campioa sub-20 da mesma modalidade, Andrea González, o campión nacional xuvenil de 3.000 metros Medhi Nabaoui, a triatleta olímpica Susana Rodríguez ou o campión nacional universitario de 200 metros Adrián Pérez, entre outros.
Durante a xornada, que se celebrará entre as 10:30 e as 14:15 horas aproximadamente, homenaxearase á canguesa Solange Pereira, recente campioa europea de cros.