A San Silvestre de Pontevedra, obxectivo 7.000 corredores
Por Alejandro Espiño
Pontevedra despedirá o ano, unha vez máis, coa tradicional carreira de San Silvestre. Os seus organizadores, a Sociedad Gimnástica, marcouse un gran reto: superar o número de corredores da edición anterior. Así, están preparados ata 7.000 dorsais.
A carreira, aberta a deportistas de todas as idades, celebrarase o vindeiro luns 31 de decembro. A saída será ás 17.00 horas da avenida Montero Ríos.
Na súa trixésimo quinta edición, a carreira verá reducido lixeiramente o seu percorrido e os participantes deberán completar 4.5 quilómetros. Esta modificación está provocada polas obras na contorna da rúa Cruz Vermella, que impedirá o paso dos corredores.
O percorrido, tras saír de Montero Ríos e pasar pola praza de España, xirará cara Alameda e atravesará posteriormente Raíña Vitoria, Xeneral Rubín, o paseo cuberto do Gafos, praza da Constitución, praza de Galicia, Andrés Mellado, Peregrina, García Camba, Oliva, Riestra e de novo á praza de España.
A continuación a carreira seguirá por Michelena, praza da Peregrina, García Camba, Oliva, Riestra, praza de España, Ferrería, Curros Enríquez, Real, Sarmiento, Pai Amoedo, Sierra, García Escudero, Ponte, San Telmo, praza do Peirao, Arcebispo Malvar, Pardo Bazán, Concepción Arenal, Martitegui, Prudencio Landín, praza de España e Montero Ríos.
Os participantes poden colaborar coa acción social da carreira, a entrega de alimentos non perecedoiros, preferiblemente leite ou aceite, a partir das 15.00 horas na praza de España, que serán entregados á Rede Axuda para o seu reparto ás entidades que máis o necesiten.
A presidenta da Gimnástica, Charo Castro, animou a todos os pontevedreses para que "nos acompañen" nesta cita, aproveitando ademais que haberá bo tempo. A este respecto, pediu a todos que se retire o dorsal, xa que garante a cobertura do seguro da proba. Poderase coller na Casa da Luz, salvo esta tarde que se darán na tenda Miler.
Víctor Riobó, responsable deportivo da proba, destacou o carácter familiar desta proba, que como todos os anos ademais de premiar aos tres primeiros clasificados das categorías masculina e feminina haberá premios aos mellores disfraces.
Os organizadores da San Silvestre coincidiron coa concelleira de Deportes, Anxos Riveiro, de que ao ritmo que se incrementan os participantes da carreira faise necesario estudar cambios no percorrido para próximas edicións. Non se ampliará a distancia pero si se valorará atravesar rúas máis anchas para garantir a seguridade dos corredores.