Mattek-Sands elimina a Lourdes Domínguez en primeira rolda de Roland Garros
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
A sétima participación de Lourdes Domínguez no cadro principal de Roland Garros concluíu ás primeiras de cambio ao perder no seu debut coa americana Bethanie Mattek-Sands (6-4 e 6-1).
A tenista pontevedresa despídese do torneo individual despois 1 hora e 27 minutos de xogo sen poder repetir a segunda rolda da pasada tempada nin o seu mellor rexistro no grand slam parisiense, terceira rolda en 2009, o que lle supoñerá perder 95 puntos no ránking, onde ocupa o posto 45.
Lourdes aínda ten por diante o torneo de dobres onde xunto á súa parella, a tamén española Garbine Muguruza, deberá enfrontarse en primeira rolda ás principais favoritas, as italianas Sara Errani e Roberta Vinci, vencedoras de Rolland Garros en 2012.