O Pontevedra cambia de base e establécese en Cerponzóns
Por Diego Espiño
O renovado campo de fútbol de Chan do Monte, en Cerponzóns, converteuse no novo cuartel xeral do Pontevedra, máis aló dun Pasarón que durante o inverno só será utilizado en partidos oficiais.
O primeiro plantel granate viña adestrando a diario no campo da Xunqueira, con algunha sesión concreta en Cerponzóns como nas matinais dos sábados, pero desde esta semana decidiu dar un cambio á súa planificación.
A decisión tomouna o corpo técnico coa intención de "cambiar de superficie", explicou Luismi, xa que "A Xunqueira es un campo un poco más duro y arriba es un campo que está nuevo".
Desta forma a maioría das sesións de adestramento celebraranse a partir de agora en Chan do Monte (mércores, xoves e sábado), fóra dos días de recuperación (luns) ou de maior carga de táctica e estratexia (venres), cando se adoita programar sesión de vídeo en Pasarón recorrendo de novo á Xunqueira.
Esta instalación, recentemente reformada, é utilizada tamén polo equipo xuvenil de División de Honra do Pontevedra, que o pasado domingo recibiu alí en liga ao Celta de Vigo.