O gol no Teucro ten acento serbio
Por Diego Espiño
A Sociedad Deportiva Teucro reenganchou de cheo á pelexa pola permanencia na máxima categoría tras o seu merecido triunfo ante o Alcobendas, e boa culpa diso tena o rendemento dun xogador, Davor Cutura.
O central serbio asumiu os galóns do equipo no seu regreso a Pontevedra compensando en parte a mocidade do resto do plantel e, aos seus 39 anos, colocouse como o xogador con maior media goleadora de toda a Liga Asobal.
Cutura acumula 7,44 tantos por partido e é segundo na clasificación xeral de goleadores con 67, só superado por Leonardo Dutra (Cuenca) con 71. Todo a pesar de ter perdido un encontro de liga por lesión e arrastrar durante varias semanas problemas físicos.
Davor Cutura marca 1 de cada 4 goles do Teucro (25,57%)
No último encontro ante Alcobendas, sen ir máis lonxe, foi ata as 14 dianas das 38 que logrou o equipo (36,84%).
Durante o primeiro terzo da tempada o xogador teucrista destacou no lanzamento de 9 metros, con máis dun 60% de acerto, e nos lanzamentos de penalti, especialidade na que suma 21 acertos de 24 intentos (87,5%).
Converteuse nunha peza tan determinante para o ataque azul que seu é un de cada catro goles (25,57%) que consegue o equipo. Todo un seguro de vida ao que agarrarse para tentar achegarse ao obxectivo da permanencia.
Relacionadas:
-
Os problemas físicos, unha dor de cabeza para o Teucro ante a fase máis cargada do calendario
Por Diego Espiño |
-
O Teucro dá a sorpresa e consegue dous puntos vitais en Cuenca (31-32)
Por Redacción |
-
Cuenca, termómetro da reacción teucrista
Por Redacción |
-
Triunfo xusto ante o Alcobendas dun Teucro que se reengancha á pelexa (38-29)
Por Diego Espiño & Diego Torrado |