Os concellos de Pontevedra e Vilagarcía aproban as subvencións para os clubs deportivos
Por Redacción
O Instituto Municipal de Deportes (IMD) de Pontevedra acordou este xoves o reparto de algo máis de 466.000 euros en subvencións aos clubs deportivos da cidade, unha cifra similar á de fai un ano.
As axudas, que se corresponden á anualidade de 2012, repártense en tres liñas diferenciadas de actuación: a organización de actividades, que acaparou 56.414 euros na celebración de 48 eventos en diferentes modalidades deportivas; as 39 escolas deportivas municipais, con preto de 2.500 nenos inscritos, que recibiron 118.683 euros distribuídos entre os clubs e as asociacións de pais encargadas da actividade; e para rematar a participación en competicións oficiais, actividade á que se destinaron 291.000 euros para as 72 entidades locais participantes nas diferentes ligas e campionatos.
Pola súa banda, Vilagarcía aprobou tamén as cuantías destinadas ao fomento do deporte federado, cunha cantidade de 81.000 euros.
En total son 26 clubs os que se benefician das axudas da Fundación Municipal de Deportes, cun reparto baseado na puntuación alcanzada por cada entidade en función dos criterios establecidos nas bases da convocatoria, quedando fora das subvencións dous clubs por inclumplir os requisitos esixidos.
As maiores cantidades recaeron no Club Olimpic e Arosa SC, seguidos do BBC e da Agrupación Deportiva Cortegada.