O Arosa paséase ante o Paiosaco, tamén gaña o Céltiga no Porriño e cae o Ribadumia
Por Redacción
Aproveitouse o Arosa do "choque de trens" en San Lázaro para superar ao Compostela e situarse segundo na táboa, a un só punto do Bergantiños. Os de Rafa Sáez golearon ao Paiosaco na Lomba, mentres o Céltiga superaba a domicilio ao Porriño e o Ribadumia cedía no Carballiño, en senllos partidos moi disputados.
Pouco máis de 20 minutos bastáronlle ao Arosa para deixar sentenciado o seu choque fronte a un Paiosaco incapaz de frear o vendaval que se lle veu encima. Os arlequinados saíron empuxando forte desde o asubío inicial e aos cinco minutos abrían o marcador, cunha acción de Chiqui que resolveu ante o meta visitante elevándolle o balón, que entrou despois de tocar no poste.
Non tardaría en chegar o segundo. Foi no minuto 19 tras un centro desde a liña de fondo de Luís García, que rematou Manu Rodríguez, metendo o balón por baixo do corpo do meta Rama e só dous minutos despois o goleador Sylla rematou outro bo centro desde a esquerda, para sentenciar co terceiro tanto.
Aínda puideron chegar máis goles antes do descanso, con ocasións de Luís García e Mauri, para dar paso a unha segunda parte na que, co claro marcador, o Arosa saíu máis relaxado, permitindo respirar a un Paiosaco que puido achegarse á meta de Manu Táboas, quen ,coa colaboración do traveseiro nunha oportunidade, evitou ata tres opcións de marcar dos visitantes.
Co partido aberto, o Arosa lanzaba perigosas contras que tiveron o seu premio aos 72 minutos, aínda que o cuarto gol, tamén conseguido por Sylla, chegaba ao rematar un corner botado por Luís García.
Consulta o acta do partido Arosa-Paiosaco nesta ligazón.
Tres puntos de ouro os conseguidos a domicilio polo Céltiga fronte a un rival directo pola permanencia como o Porriño Industrial. Os de Manolo Núñez conseguen a súa segunda vitoria ligueira (non gañaban desde a xornada inaugural) e deixan ao conxunto local sen coñecer o triunfo nas seis xornadas disputadas, nas que só conseguiron tres empates.
Igualdade case absoluta no Lourambal, no que o partido se decidiu pouco antes do descanso, grazas a un gol conseguido por Diego Lamas, ao que o Porriño non foi capaz de responder nun segundo tempo con máis emoción que xogo.
Consulta o acta do partido Porriño Industrial-Céltiga nesta ligazón.
Bo partido sen premio do Ribadumia no Espiñedo, onde o Arenteiro remontou un marcador que se lle puxo pronto costa arriba, para anotarse unha vitoria traballada e complicada.
Os de Luís Carro deixaron unha excelente impresión no Carballiño pero caeron nos últimos minutos, despois de adiantarse aos 12 minutos de partido, grazas a un penalti cometido por Maxi e transformado por Miguel Vázquez.
O Ribadumia defendeu ben a súa vantaxe, ante os intentos do equipo local, que atopou a solución en Hugo Sanmartín, primeiro para empatar cun gran disparo (minuto 55) e logo para completar a remontada, a falta de tres minutos para o final, rematando de cabeza un centro lateral de Pol.
Consulta o acta do partido Arenteiro-Ribadumia nesta ligazón.