Andrea Andión, do Waterpolo Pontevedra, repite convocatoria co equipo nacional
Por Redacción
O Club Waterpolo Pontevedra está de parabéns. A súa xogadora Andrea Andión foi convocada por segunda vez para unha xornada do Plan de Tecnificación Nacional que impulsa a Real Federación Española de Natación.
Se o pasado mes de maio Andión puido gozar dunha concentración nacional en categoría infantil, agora que subiu de categoría repetirá experiencia en idade cadete.
A pontevedresa é unha das 25 xogadoras seleccionadas, única galega, para participar nunhas xornadas de adestramento cos técnicos da Federación Española que se levarán a cabo entre o 28 e o 30 de setembro en Valencia.
ELECCIÓN DE NOVO PRESIDENTE
Noutra orde de cousas, este venres 28 de setembro o Club Waterpolo Pontevedra elixirá previsiblemente novo presidente nunha asemblea extraordinaria, a celebrar tras a ordinaria convocada ás 19:30 horas en primeira convocatoria no CGTD, tras a dimisión do actual dirixente, Óscar Ferreira.