Super Froiz domina o Campionato Galego de ciclismo cos triunfos de Pedro Macías en elite e Martín Lestido en sub 23
Por Redacción
O Grupo Deportivo Supermercados Froiz deu todo un recital no Campionato Galego de fondo en estrada que se disputou o venres nun circuíto en Moaña, que presentaba moito perigo e risco como consecuencia das condicións climatolóxicas. A escuadra alimenticia colocou catro corredores entre os cinco primeiros e conseguiu a vitoria, tanto na categoría de elite, con Pedro Macías, como na sub 23, con Martín Lestido. Ademais, Aser Estévez foi bronce, en elite, e José Luis Mariño, cuarto na categoría.
Conscientes de que eran o equipo a bater, os corredores do Froiz controlaron a proba dende o comezo, especialmente nas dúas primeiras voltas coa intención de evitar caídas debido a que o circuíto estaba moi complicado a raíz da chuvia caída.
Os ataques foron constantes, pero en todas as escapadas había ciclistas do Froiz, ata a antepenúltima volta na que se formou a fuga da xornada na que había catro corredores alimenticios: Martín Lestido, José Luis Mariño, Pedro Macías e Aser Estévez, e un ciclista do Cambre, Adolfo Vicente.
Na última volta produciuse o ataque definitivo a cargo de Pedro Macías que se plantou en solitario na liña de chegada de Moaña, cunha vantaxe de 15 segundos sobre o seu compañeiro Martín Lestido, que conseguiu o triunfo entre os sub 23. A 50 segundos chegou un grupo de tres corredores no que Adolfo Vicente foi o máis rápido.