As inscricións nas Escolas Deportivas Municipais, a partir do martes 18 de setembro
Por Redacción
O Servizo Municipal de Deportes de Pontevedra prepara o inicio dun novo curso nas Escolas Deportivas Municipais, coa apertura o vindeiro martes 18 de setembro do período de inscrición.
Do mesmo xeito que o pasado ano non importará a orde de chegada para asignar as prazas, xa que se existe un exceso de demanda procederase a realizar un sorteo entre as solicitudes.
O prazo en realidade é de pre-inscrición manterase activo do 18 ao 21 de setembro no Pavillón Municipal dos Deportes (de 8:30 a 13:30 horas) e do 18 ao 23 de setembro (ata as 23:59 horas) na sede electrónica do Concello de Pontevedra.
A oferta do curso 2018/2019 componse de 21 modalidades deportivas, entre as que destacan a incorporación do bádminton e da escalada deportiva. O resto de opcións son atletismo, tríatlon, baloncesto, rugby, fútbol, fútbol sala, voleibol, balonmán, esgrima, tenis, tenis de mesa, pádel, judo, loita olímpica, taekwondo, ximnasia acrobática e trampolín, orientación deportiva e xadrez.
A listaxe para cada deporte establece 1.653 prazas dispoñibles, aínda que estas ascenden ata preto de 2.500 coas que ofrecen os propios clubs por medio de xestión directa.
O curso iniciarase no mes de outubro e estenderase ata o 31 de maio de 2019, cun prezo de inscrición de 50 euros por persoa.