Javi Gómez Noya queda segundo en Yokohama, a terceira proba das Series Mundiais de Tríatlon
Por Redacción
Satisfeito por "recuperar as boas sensacións". ÿ a valoración do triatleta Javi Gómez Noya tras finalizar en segunda posición en Yokohama. A localidade xaponesa acolleu este sábado a terceira proba das Series Mundiais de Tríatlon, unha competición que estivo marcada pola choiva e polo triunfo do británico Jonathan Brownlee. Era o primeiro triatlón da tempada para o inglés, que volvía á competición tras unha lesión de nocello.
Tras un sector inicial de natación que tivo un ritmo trepidante, máis dunha vintena de deportistas baixaron dos 18 minutos, Javi Gómez Noya situouse no grupo de cabeza. Acompañado de Brownlee e outros cinco triatletas dominaron os 40 quilómetros en bicicleta. Entraban na segunda transición con máis dun minuto e medio de vantaxe sobre o resto do pelotón.
Pero no segmento de carreira a pé, que resultou decisivo, o galego e o británico deixaron fóra de xogo ao resto dos seus rivais desde os primeiros metros. Ambos marcaron un ritmo moi forte, chegando a baixar dos 30 minutos. Mantivéronse xuntos ata que Brownlee logrou desmarcarse de Javi Gómez Noya cando comezaba a segunda das catro voltas do circuíto.
Ao final, o inglés venceu con 24 segundos de vantaxe sobre Gómez Noya. Terceiro foi o portugués Joao Silva, quen tras esta proba continúa liderando o ranking das Series Mundiais ITU 2013, con 2055 puntos. Tras el, Javier Gómez Noya sobe á segunda posición con 2004 puntos, mentres que Mario Mola (ausente en Yokohama) é terceiro con 1326 puntos.
"Sentinme moito mellor que en San Diego, volvín atopar o meu nivel pero Brownlee foi moi rápido na carreira a pé, e as miñas pernas estaban un pouco cargadas logo de toda a choiva e o arduo traballo na bici. Fun primeiro en Auckland e segundo aquí, é un comezo bastante bo", explicou Gómez Noya ao término da proba.
A próxima cita das Series Mundiais de Tríatlon será o 1 de xuño en Madrid.