Triste trámite para o Pontevedra fronte ao Betanzos na súa despedida ligueira de Pasarón
Por Ramiro Espiño
Foi unha sesión de adestramento suave, na que non había nin ganas nin espazo para o sorriso ou para a alegría. Por primeira vez en moitos anos o Pontevedra chega á penúltima xornada de liga sen nada en xogo e iso notouse na mañá do sábado en Pasarón, onde os de Milo Abelleira realizaron o último ensaio previo á despedida ligueira ante o seu público.
Espera o Betanzos (domingo, 17:30 horas, en Pasarón), nun partido que será dirixido polo colexiado Gonzalo Goyanes López (Santiago), no que os granates se xogan unicamente a honrilla deportiva, ademais de intentar borrar o mal sabor de boca que deixou aos seus afeccionados a goleada encaixada a xornada anterior en Vilalonga.
Abonde dicir que a nota destacada, aínda que sexa anecdótica, a puxeron os tres porteiros, Sergio Lloves, Lorenzo e Edu Souza, que ao termo do ensaio foron retados polo adestrador de porteiros, Pablo Valente, en lanzamentos de penalti. O preparador comezou con lanzamentos dende o bordo da área, onde a súa porcentaxe de acerto foi mínima, pero quixo ir máis lonxe retando a Edu Souza a unha quenda de dez lanzamentos de penalti.
A aposta era que se marcaba polo menos 7 de 10, o porteiro perdía, pero se non o facía sería Pablo Valente quen tería que pagar unha comida. O resultado foi desolador para o técnico, que unicamente transformou 2 lanzamentos, sendo detidos por Edu ou saíndo fóra outros 8, entre as risas e burlas dos gardametas e restantes compañeiros de equipo. Claro que ao bo de Pablo Valente sempre lle quedará o consolo de dicir que a súa baixa porcentaxe de acertos se debe ao ben que adestra os porteiros.
No adestramento participaron todos os compoñentes do equipo, agás Emilio, Javi Pazos e Pacheco, que volverán reforzar unha xornada máis ao filial para intentar conseguir o punto que lle falta e asegurar a permanencia. Mesmo David Pérez participou no ensaio, aínda que con precaucións, o mesmo que Cristóbal Juncal, con lixeiras molestias. A presenza do primeiro no once antóllase complicada, pero a do segundo parece segura. Aínda así, Milo convocou a todos os xogadores.
Polo que respecta ao Betanzos, se ben parece pouco probable que teña problemas para eludir o descenso, matematicamente necesita a vitoria para non depender de terceiros ou afrontar unha última xornada que podería ser dramática, polo que virán a Pasarón intentando sacar tallada do baixón anímico que poida ter o conxunto granate.